A Intelixencia Artificial sostible será a protagonista dunha conferencia no CITIC no marco da Cátedra INDITEX-UDC de IA en Algoritmos Verdes

Nota de prensa

14/11/24 14:32

  • Institucional
  • José Duato, CTO da empresa Qsimov Quantum Computing e prestixioso académico, compartirá a súa análise do impacto enerxético actual dos sistemas de IA. 
  • Esta será a primeira charla no ciclo "Converxencia verde para un futuro sostible". A seguinte data prevista será o vindeiro 10 de decembro, a cargo de Alba Meijide, Consultora en IA e & Project Manager.

 

A Coruña, 14 de novembro de 2024.- O vindeiro xoves 21 de novembro, o CITIC da Universidade da Coruña acollerá a conferencia titulada "Cara a unha Intelixencia Artificial Medioambientalmente Sostible", un relatorio organizado no marco da Cátedra INDITEX-UDC de IA en Algoritmos Verdes, dentro do ciclo de charlas "Converxencia verde para un futuro sostible". A charla celebrarase ás 15:30 horas na Sala Cloud do CITIC.

A conferencia abordará o impacto ambiental das técnicas de intelixencia artificial, cun enfoque nos elevados consumos enerxéticos que estas tecnoloxías implican actualmente. José Duato, CTO da empresa Qsimov Quantum Computing e prestixioso académico, compartirá a súa análise do impacto enerxético actual dos sistemas de IA e presentará os enfoques e tecnoloxías que xa se implementaron para optimizar o aforro enerxético. Ademais, exploraranse os futuros desenvolvementos disruptivos que permitirán unha IA máis eficiente e menos impactante a nivel ambiental.

Cunha destacada traxectoria de máis de 30 anos como catedrático na Universidade Politécnica de Valencia, José Duato é autor de máis de 500 publicacións científicas e foi recoñecido con galardóns como o Premio Rey Jaime I de Novas Tecnoloxías e o Premio Nacional de Investigación Julio Rey Pastor. A súa experiencia e a súa innovación no ámbito da computación e as comunicacións sitúano como unha voz relevante na conversa sobre sustentabilidade en intelixencia artificial.

A actividade é aberta ao público, e forma parte dos esforzos da UDC e a Cátedra INDITEX-UDC de IA en Algoritmos Verdes de promover unha tecnoloxía máis consciente e responsable coa contorna.

Para asistir é necesario rexistrarse a través desta ligazón.

 

Cátedra UDC-Inditex de IA en Algoritmos Verdes

A Cátedra UDC-Inditex de IA en Algoritmos Verdes ten como obxectivo promover a investigación, a innovación e a transferencia de coñecemento no ámbito da intelixencia artificial e dos algoritmos verdes co fin de contribuír ao desenvolvemento sostible e á protección do medio ambiente, sendo algúns dos obxectivos específicos os seguintes:

  • Desenvolver programas de formación en IA verde mediante.
  • Promover a investigación e a innovación no ámbito da IA verde mediante a identificación de retos e o fomento da cooperación público-privada.
  • Facilitar a transferencia e explotación dos resultados da investigación da cátedra mediante a comercialización de servizos e produtos e a creación de spin-offs.
  • Promover a difusión dos resultados da investigación e do coñecemento en IA verde mediante a publicación de artigos e a organización de eventos e actividades de divulgación e ciencia cidadá.
  • Consolidar a cátedra como referente no ámbito da IA verde a nivel rexional, nacional e internacional mediante a participación en eventos e grupos de traballo, a colaboración con outras institucións e a identificación de oportunidades de financiamento.

Un equipo de 20 persoas conforman a cátedra, 16 delas están adscritas ao CITIC da UDC. Do colectivo total, 10 son mulleres e 10 homes. Trátase dun grupo multidisciplinar “como é necesario na investigación en algoritmos verdes - sinala a investigadora principal do proxecto, Verónica Bolón- que require o apoio de grupos de investigación do campo da intelixencia artificial e da informática, de problemas medioambientais, e da investigación ética, social e económica”.

A próxima conferencia no marco da Cátedra terá lugar o vindeiro 10 de decembro, e será a cargo de Alba Meijide, Consultora en IA e & Project Manager.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC