A Galicia deseñada é un relato sobre a cultura e a historia do deseño galego elaborado a partir dunha selección de cen símbolos, marcas e identidades gráficas.que nace co obxectivo de contribuír a fixar unha historiografía do deseño galego, ofrecendo un primeiro catálogo razoado de traballos realizados no noso país que poida funcionar como documentación de referencia e consulta para as deseñadoras e deseñadores actuais e futuros.
Aínda que a mostra está organizada a través de cinco períodos históricos coa vontade de establecer unha secuencia narrativa coherente (antecedentes, industrialización, autarquía, democracia e contemporaneidade), os exemplos de deseño seleccionados procuran constituír lecturas de continuidade entre diferentes momentos temporais, nunha interpretación da historia como relato e exercicio de construción colectiva.
De entre todas as profesións contemporáneas, o deseño quizais sexa unha das que mellor explique o zeitgeist do presente. Se a complexidade, un estado de aceleración permanente ou o seu carácter líquido son algunhas das características que definen o momento actual, o deseño, en esencia, busca interpretar o «complexo» para ofrecer solucións «simples».
Cada un dos símbolos, marcas e logotipos desta mostra teñen a capacidade de dar unha explicación sobre o momento en que foron creados. Son testemuñas da complexidade do «seu» presente e son, xa que logo, patrimonio.
Xa sexan problemas —ou necesidades— visuais, comunicativas, organizativas, de usabilidade, funcionais ou simbólicas, o deseño caracterízase por ofrecer respostas específicas a formulacións globais: pensar o concreto a partir do múltiple e o diverso.
Esa característica híbrida e integradora de factores e coñecementos dispares maniféstase tamén na súa consideración social: o deseño ubícase a medio camiño entre cultura e industria.
Pola capacidade de ser reflexo das ideas do presente —incorporando os coñecementos do pasado—, pola actitude innovadora e resiliente que lle é propia, pola habilidade para crear metodoloxías e linguaxes que transcenden en moitas ocasións o seu ámbito propio de actividade, o deseño é, claramente, cultura e, máis aínda, territorio, paisaxe e identidade.
Pola incidencia comprobada do deseño nos sectores produtivos e económicos, polo seu carácter transdisciplinar e a súa vontade de ofrecer solucións que melloren os produtos, sistemas, servizos, experiencias ou negocios, o deseño é, tamén, industria.
Os deseños seleccionados e presentados nesta mostra transitan de xeito exemplar nesa dupla consideración de artefactos culturais (ideas) e instrumentos industriais (materialidade). Interpretar o deseño como o resultado da interacción entre unha «idea» e súa «materialidade» promoveu que a mostra non se artelle só a través da representación gráfica dos símbolos, marcas e identidades e que, de maneira complementaria, se mostren tamén exemplos de gráfica aplicada.
A mostra permite, tamén, comprobar a evolución na consideración e nos requirimentos que a sociedade demandou, en cada momento histórico, aos «signos» de identidade: de símbolos en que a súa forma concreta non comportaba significado, pasando pola construción precisa de formas gráficas asociadas a un programa simbólico, á elaboración de plans completos de identidade corporativa aplicada a diferentes soportes, ata chegar ao momento actual, onde as identidades se configuran máis como sistemas e estratexias, que abrazan a flexibilidade e a variabilidade pola súa capacidade para ofrecer identidades máis funcionais e mellor adaptadas ás necesidades de comunicación contemporáneas.
A Galicia deseñada quere ser, en último termo, unha oportunidade para a celebración do deseño como ferramenta ao servizo da sociedade.
Comisarios: Marcos Dopico Castro, Cibrán Rico López, Suso Vázquez Gómez
Actividades complementarias:
Martes, 8 de novembro 19:30CharlaE logo que? Símbolos e logos de Barro Formulario de inscrición para asistirPepe BarroXoves, 17 de novembro 19:30ColoquioCírculos e cadrados, deseñar tamén é unha cuestión de xénero Formulario de inscrición para asistirRaquel Boo, Nuria Carballo, Thais Suárez, Lía Santana, Uqui PermuiXoves, 24 de novembro 19:30CharlaNunca Máis (2002-2022). Quando o desenho conecta emocionalmente Formulario de inscrición para asistirXosé María TornéXoves, 1 de decembro 19:30CharlaO Estudio Quid (1971-73), o deseño gráfico portugués en Vigo e a súa pegada Formulario de inscrición para asistirJosé Luis MateoXoves, 12 de xaneiro 19:00ColoquioDeseñar o deseño galegoPepe Barro, Xosé Díaz, Xosé Salgado, Lía Santana, Xosé María Torné

Publicado por: Cultura