A Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía selecciona o proxecto Incrúst@te do CICA da Universidade da Coruña como exemplo de práctica innovadora

Nota de prensa
20/04/21 11:53
  • Institucional

O proxecto Incrúst@te, principal programa de divulgación científica para estudantes de secundaria e bacharelato no Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da Universidade da Coruña (UDC), foi incluído nun catálogo das mellores prácticas para a promoción da cultura científica, tecnolóxica e de innovación.

A Fundación Española para a Ciencia e Tecnoloxía (FECYT) acaba de publicar a oitava edición deste catálogo, o cal reúne as mellores 15 prácticas innovadoras presentadas en 2017 á convocatoria de axudas para o fomento da cultura científica, tecnolóxica e da innovación. Na devandita convocatoria, a FECYT recibiu un total de 645 solicitudes, das cales 205 acabaron sendo financiadas, Incrúst@te entre elas. O obxectivo do catálogo, tal e como se describe no prólogo, “é pór en valor a calidade dos proxectos financiados, así como servir de inspiración a aqueles que queiran pór en marcha actividades de divulgación da ciencia e a innovación”. A FECYT desenvolveu a plataforma DIVULGATECA para consultar as fichas técnicas de todos os proxectos financiados: https://www.divulgateca.es/.

Que é Incrúst@te?

O proxecto Incrúst@te nace en 2017 co obxectivo de introducir estudantes de secundaria, bacharelato e ciclos formativos na carreira investigadora a través dunha serie de visitas e estancias curtas, onde os mozos e as mozas entran en contacto con investigadores e investigadoras do CICA. Cada ano, o centro de investigación recibe unha media de 250 estudantes con idades comprendidas entre 14 e 17 anos. Durante a visita, coñecen a dinámica de traballo nun centro de investigación, e en particular as liñas desenvolvidas no CICA. Na seguinte fase, selecciónanse 16 estudantes que gozan dunha estancia curta nun dos grupos de investigación, a cal culmina coa elaboración dun póster e a participación no seu primeiro congreso científico. Na última fase do proxecto Incrúst@te, os 4 mellores estudantes, seleccionados en base ao aproveitamento da súa primeira estancia e ao interese científico mostrado, realizan unha segunda estancia de 2 semanas para levar a cabo o seu propio proxecto de investigación.

Son moitos os centros de estudos galegos que xa participaron no Proxecto Incrúst@te, o cal conseguiu establecerse como unha actividade altamente demandada polo alumnado de secundaria da provincia da Coruña. A información para docentes pode atoparse no sitio web do proxecto: https://cica.udc.gal/es/proyecto-incrustate.

Incrúst@te foi realizado en colaboración coa Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) - Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades en 2017 e 2018, a través de dúas convocatorias consecutivas de axudas para o fomento da cultura científica, tecnolóxica e da innovación. O proxecto tivo continuidade a partir de 2019 grazas ao financiamento da Xunta de Galicia.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC