A FIC da Universidade da Coruña acollerá a Olimpíada Informática Galega 2023 que organiza o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia

Nota de prensa

18/11/22 14:47

  • Institucional
  • Está aberta a preinscrición ata o 15 de decembro para estudantado de Secundaria, Bacharelato ou grao medio de Formación Profesional.
  • Na fase galega seleccionaranse dous gañadores que participarán na Olimpíada Informática Española, de onde sairán os representantes para a final internacional en Hungría.

 

A Coruña, 18 de novembro de 2022.- O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), en colaboración coa Universidade da Coruña, Universidade de Santiago e Universidade de Vigo, organizan a Olimpíada Informática Galega 2023, destinada a estudantes de Secundaria, Bacharelato e ciclos formativos de grao medio de Formación Profesional, para promocionar o coñecemento informático e formación integral da mocidade.

O certame celebrarase de maneira presencial o 10 de febreiro, na Facultade de Informática da Universidade da Coruña, FIC, coa colaboración da Escola Superior de Enxeñaría en Informática da Universidade de Vigo e da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago de Compostela.

A pre-inscripción estará aberta ata o 15 de decembro e é un requisito imprescindible para a posterior participación. Poderán inscribirse mozos e mozas que estean cursando a ESO, bacharelato ou un ciclo formativo de grao medio nun centro da Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que non teñan máis de 20 anos o 1 de xullo de 2023.

 

A competición consta dun conxunto de problemas, xeralmente entre catro e seis. Cada problema deberá resolverse empregando unha linguaxe de programación que permita automatizar a súa resolución. Permítese o uso de C++, Python ou Java. Cada problema describirá un escenario onde os participantes deberán desenvolver un programa que o resolva, o que require coñecementos de deseño correcto e eficiente de algoritmos.

Da fase galega sairán dous representantes que participarán na XXVII Olimpíada Informática Española, que se celebrará do 24 ao 26 de marzo de 2023 en Madrid, e de aí, os gañadores poderán acceder á Olimpíada Informática Internacional, que se celebrará en agosto/setembro de 2023 en Hungría.

 

Olimpíada Informática Galega 2022

A competición en 2022 tivo 17 participantes e o gañador galego, Óscar Carballo, conseguiu medalla de bronce na olimpíada española.

A OIG 2022 celebrouse o 11 de marzo nas tres facultades de informática de Galicia. No certame participaron 17 estudantes –13 rapaces e 4 rapazas–procedentes de once centros educativos das cidades da Coruña, Ourense, Santiago e Vigo, pero tamén de localidades como A Estrada, Culleredo, Noia, O Barco de Valdeorras e O Porriño. Este evento contou co patrocinio de diversas entidades e empresas do sector das novas tecnoloxías (Abanca, Apser, Atos, AWS, Bahía Software, CITIC, Clúster TIC de Galicia, Councilbox, Duacode, DXC Technology, Emetel, Extreme Networks, Google Cloud, Minsait, NetApp, Plexus e Sixtema).

O primeiro clasificado foi Óscar Carballo, natural de Castro de Rei e estudante do colexio Liceo La Paz da Coruña, que viaxou a Madrid xunto á segunda clasificada, Paula Taibo, estudante do IES Rego de Trabe de Culleredo, para participar na olimpíada española onde gañou unha medalla de bronce, mentres que a súa compañeira recibiu un diploma de mención como finalista do certame.

Máis información: https://oig.gal/  Contacto: informacion@oig.gal

 

Foto: Imaxe de familia da entrega dos premios da OIG 2022, co conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade da Xunta de Galicia, Román Rodríguez; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López; representantes das escolas e facultades de Informática de Galicia; o presidente do CPEIG, Fernando Suárez; outros membros da xunta de goberno colexial, así como os patrocinadores da OIG e os participantes acompañados polas súas familias, directores e profesores dos seus centros de ensinanza.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC