A ETS de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos, primeiro centro de enxeñaría de Galicia en conseguir o selo EUR-ACE para os seus graos

Nota de prensa
29/10/18 14:39
  • Institucional

A Coruña, 29 de outubro de 2018.- A Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos acaba de obter o Selo Internacional de Calidade EUR-ACE de Enxeñaría que concede a European Network for the Acreditation of Engineering Education, para os seus dous títulos de grao: Grao en Tecnoloxía da Enxeñaría Civil e Grao en Enxeñaría de Obras Públicas.

Este certificado, emitido pola ANECA en colaboración co Instituto de Enxeñaría de España, é o primeiro que obtén un centro de enxeñaría en Galicia. O selo EUR-ACE certifica a calidade da formación universitaria na área de enxeñaría coa peculiaridade de que ten en conta a perspectiva do bo desenvolvemento profesional. O sistema valora as competencias específicas daquelas profesións que afectan directamente á vida das persoas como son as enxeñarías. É por isto que ademais de valorar os planos de estudo e a formación recibida, os titulados teñen que demostrar o cumprimento satisfactorio das súas competencias.

Os avaliadores seguen criterios definidos de acordo cos principios de calidade, relevancia, transparencia, recoñecemento e mobilidade contemplados no Espazo Europeo de Educación Superior. Este selo garantiza que as dúas titulacións de grao da Escola da Universidade da Coruña cumpren as especificacións establecidas e acordadas por axencias internacionais de calidade en Educación Superior, segundo estándares internacionais establecidos por empregadores de toda Europa. Con este selo, os empregadores teñen a seguridade de que os coñecementos e as competencias prácticas adquiridas polos graduados deste centro acadan unha serie de estándares internacionais de calidade da educación.

Este selo de excelencia internacional acredita que “estas titulacións cumpren amplamente coas esixencias profesionais da enxeñaría”, segundo manifestou a vicerreitora de Oferta Académica e Innovación Docente, Nancy Vázquez, quen engadiu que a consecución desta acreditación atraerá alumnado estranxeiro ao ser un selo de alta calidade internacional.

O subdirector da ETS de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos, José París, considera que esta acreditación “supón un recoñecemento a unha traxectoria de moitos anos, tanto en docencia como en investigación”. “É unha proba da calidade do profesorado e a docencia impartida aos nosos titulados que son moi valorados tanto aquí como fóra do país”, concluíu.

Dado que os selos EUR-ACE concedéronse aos graos da Escola sen prescripcións nin restriccións de ningún tipo, incorporarase este selo de calidade aos títulos de grao emitidos durante seis anos.

A ETS de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos imparte os grados en Enxeñaría de obras Públicas e Tecnoloxía da Enxeñaría Civil, e os Mestrados en Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos, e Enxeñaría da Auga (internacional: impartido pola UDC e a Hochschule Magdeburg-Stendal, Alemaña). Os títulos impartidos neste centro da UDC teñen uns datos de empregabilidade moi altos, como corrobora o 92% de ocupación dos titulados no Mestrado Universitario en Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos. O Máster en Enxeñería de Camiños, Canais e Portos xunto co Grao en Tecnoloxía da Enxeñería Civil remplazan a anterior titulación de Enxeñería de Camiños, Canais e Portos. O Máster Universitario en Enxeñería de Camiños, Canais e Portos proporciona (xunto co Grao en Tecnoloxía da Enxeñería Civil ) unha formación físico matemática sólida e rigorosa na que se sustenta unha formación avanzada de tipo técnico e tecnolóxico dos múltiples eidos da Enxeñería Civil. Este título de Máster proporciona as competencias profesionais da profesión regulada de Enxeñeiro de Camiños, Canais e Portos en España.

 

 

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC