A Coruña, 30 de outubro de 2025.- A Cátedra Interuniversitaria ALDABA-WIB: Women, ICT & Business, creada por ALDABA en colaboración coa Universidade da Coruña (UDC) e a Universidade de Vigo (UVigo), convoca a primeira edición dos seus Premios ao mellor Traballo de Fin de Grao (TFG), destinados a recoñecer proxectos que promovan a participación e visibilidade das mulleres no ámbito tecnolóxico.
O obxectivo desta iniciativa é dar visibilidade ao talento universitario e poñer en valor aqueles traballos que, desde a innovación, a investigación ou a reflexión, contribúan a reducir a fenda de xénero nas tecnoloxías da información e a comunicacións (TIC).
Os premios están dirixidos ao estudantado das titulacións de Grao da Facultade de Informática (FIC) da UDC e da Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) da UVigo que defendan o seu TFG durante o curso 2025-2026, sempre que obteñan unha cualificación mínima de notable. A dotación económica asignada ao TFG gañador en cada universidade será de 500 euros.
O proceso de avaliación realizarase en dúas fases: unha primeira fase documental, na que se valorará a contribución do proxecto aos obxectivos da Cátedra, a incorporación da perspectiva de xénero ou o uso de linguaxe inclusiva; e unha segunda fase presencial, na que as persoas finalistas defenderán publicamente os seus traballos ante un xurado, durante o acto de entrega de premios, previsto para novembro de 2026. O xurado estará formado por representantes das dúas universidades e da empresa ALDABA.
O prazo de presentación de candidaturas permanecerá aberto ata o 15 de outubro de 2026 ás 23:59 horas, e a documentación deberá enviarse ao correo electrónico premios@wib.aldaba.es, indicando no asunto “I Premios TFG Cátedra ALDABA-WIB 2026”.
A Cátedra Aldaba WIB
A Cátedra ALDABA WIB: Women, ICT & Business foi constituída en setembro de 2019 pola empresa ALDABA, A UDC e a UVigo co obxectivo de potenciar e enriquecer o progreso das TIC: por un lado, promocionando a participación de mulleres no seu desenvolvemento, e polo outro establecendo canles bidireccionais de colaboración entre a universidade e a empresa.
Os centros adscritos a esta Cátedra son a Facultade de Informática da Universidade da Coruña e a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense da UVigo, buscando crear sinerxías entre os dous centros e promover a formación dos futuros graduados, facilitando a súa integración ao mundo laboral.
Por outra banda, a Cátedra promove o desenvolvemento de actividades que dean visibilidade ás achegas das mulleres no mundo das TIC, para xerar referentes que esperten o interese de nenas en carreiras tecnolóxicas.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC