3ª Edición Premios UDC Sustentabilidade a Traballos Fin de Grao e Mestrado 2020

26/10/20 14:37
  • Medio ambiente

Convocatoria aberta ata o 31 de decembro de 2020

Xa están publicadas as Bases da "III Edición Premios UDC Sustentabilidade" aos traballos fin de grao (TFG) e fin de mestrado (TFM) que mellor integraron as dimensións da sustentabilidade nos seus proxectos.

Condicións da convocatoria

https://sede.udc.gal/services/electronic_board/EXP2020/010218

 

Modalidades
  • Premio aos Traballos Fin de Grao da UDC que mellor integraren as dimensións da sustentabilidade nos seus proxectos
  • Premio aos mellores Traballos Fin de Mestrado da UDC que mellor integraren as dimensións da sustentabilidade nos seus proxectos. 

En cada modalidade concederanse dous premios, I e II premio, e dous accésits, segundo se indica a continuación:

    • Cada traballo premiado e os accésits recibirá un diploma acreditativo e a publicación nunha colección da UDC
    • O 1º premio en cada modalidade recibirá ademais 800 euros (sobre o que se aplicará unha retención do 19% de IRPF)
    • O 2º premio en cada modalidade recibirá ademais 400 euros (sobre o que se aplicará unha retención do 19% de IRPF)

A dotación total destinada aos premios será de dous mil catrocentos euros (2400 €).

Xustificación

A Universidade da Coruña ven desenvolvendo nos últimos anos un programa  de mellora continuada para a sustentabilidade no marco da Guía para a sustentabilidade na UDC (2011) e no Plan estratéxico da UDC 2013-2020. Este obxectivo incluíu a creación de comités ambientais nos centros (Programa Green Campus), a elaboración de plans sectoriais en Mobilidade e espazo público, Eficiencia enerxética, Uso sustentable da auga, Xestión de residuos e Ambientalización curricular.

No marco destes plans desenvólvense iniciativas tales como a mellora da recollida selectiva de residuos, a compostaxe de residuos orgánicos, a introdución de equipamentos e prácticas de aforro e uso eficiente da enerxía e da auga, instalacións de produción de enerxía renovable, o préstamo de bicicletas e outras accións de fomento da mobilidade sustentable, a conservación e mellora da biodiversidade nos espazos fluviais e forestais do campus universitario, a introdución de recomendacións e contidos relativos a sustentabilidade nas guías docentes, a promoción da saúde e dos hábitos de vida saudables, ou o programa de sensibilización e voluntariado ambiental.

Con esta convocatoria, a Vicerreitoría de Infraestruturas e Sustentabilidade, a través da Oficina de Medio Ambiente (OMA-UDC), quere contribuír ao recoñecemento dos traballos que contribúen a un mellor coñecemento e á adopción de medidas e prácticas de sustentabilidade.

 

Información relacionada

Cartaz Premios TFG-TFM 2020

Publicado por: Oficina de Medio Ambiente