O profesor Javier Ramón Sánchez Girón defende a súa tese doutoral sobre a accidentabilidade marítima na frota pesqueira galega

O profesor da ETS de Náutica e Máquinas da Universidade da Coruña, Javier Ramón Sánchez Girón, defendeu recentemente a súa tese doutoral titulada Estudo da accidentabilidade marítima na frota pesqueira galega: factores de risco e modelos predictivos", dirixida pola Dra. Rosa Mary De la Campa Portela.

A investigación aborda un fenómeno persistente que continúa tendo importantes consecuencias humanas, sociais e económicas, e que supón un reto para a sustentabilidade da actividade pesqueira e a continuidade da profesión en condicións adecuadas de seguridade.

O traballo céntrase na análise da actividade da frota pesqueira galega durante o período 2011-2021, considerando tanto as características das embarcacións como os eventos de risco rexistrados ao longo dese intervalo temporal. Desde esta perspectiva, o estudo permite avanzar na comprensión dos determinantes do risco, incorporando unha visión dinámica que non se limita a identificar que embarcacións presentan unha maior exposición, senón que tamén achega información sobre os momentos nos que dito risco adquire unha maior relevancia.

Os resultados obtidos ofrecen unha base sólida para a prevención, ao facilitar o deseño de estratexias adaptadas ás particularidades estruturais e operativas das embarcacións. Neste sentido, a investigación presenta unha clara proxección aplicada, con potencial utilidade para armadores, tripulacións, centros de formación e administracións con competencias no ámbito da seguridade marítima.

Desde a ETSNM trasladamos a nosa máis sincera noraboa por este importante logro académico e pola contribución que supón para a mellora da seguridade e da sustentabilidade do sector pesqueiro.

 

Síguenos en: Instagram | LinkedIn | WhatsApp