Reunión informativa coa DXMM sobre prácticas profesionais e días de mar

Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas (ETSNM)  organizou unha Reunión informativa coa Dirección Xeral da Mariña Mercante (DXMM) dirixida ao estudantado que vai realizar prácticas a bordo de buque, no marco da obtención dos títulos profesionais de oficial ou piloto da Mariña Mercante.

A sesión, titulada Días mar para a realización das probas de idoneidade para a obtención dos títulos profesionais de oficial ou piloto da Mariña Mercante, tivo como obxectivo principal aclarar os aspectos normativos, procedementais e prácticos relacionados cos períodos de embarque esixidos para o acceso ás titulacións profesionais.

En representación da Dirección Xeral da Mariña Mercante, participaron como relatorios:

  • Domingo Pose Edrera, coordinador de Seguridade e Inspección Marítima (PSCO – Paris MoU).
  • Francisco Alonso Lorenzo, conselleiro técnico de Seguridade e Medio Ambiente en Galicia.

Durante a reunión, os representantes da DXMM expuxeron de forma detallada a normativa vixente aplicable ás prácticas profesionais a bordo de buques, necesarias para a obtención da tarxeta profesional, facendo especial fincapé nos requisitos dos días de mar computables, nos tipos de buques válidos e nas funcións que deben desempeñarse durante o período de embarque.

Así mesmo, ofrecéronse recomendacións prácticas sobre a correcta realización das prácticas como:

  • oficial alumno/a de ponte e cuberta,
  • oficial alumno/a de máquinas,
  • oficial alumno/a electrotécnico/a,

incidindo na importancia de que as tarefas realizadas a bordo estean aliñadas coas competencias esixidas pola normativa e correctamente supervisadas.

Un dos aspectos centrais da sesión foi a explicación detallada de como debe cumprimentarse correctamente a documentación que o estudantado debe presentar posteriormente na proba de idoneidade, evitando erros frecuentes que poden atrasar ou dificultar a tramitación dos títulos profesionais.

Por outra banda, os relatorios informaron sobre o desenvolvemento dun proxecto actualmente en estudo pola Dirección Xeral da Mariña Mercante, que contempla a posible aprobación de períodos de embarque do alumnado en buques de navegación interior, de acordo co establecido no artigo 37.2 do Real decreto 269/2022, do 12 de abril, polo que se regulan os títulos profesionais e de competencia da Mariña Mercante. Este proxecto abre novas perspectivas para a realización de prácticas, especialmente en determinados itinerarios formativos.

A reunión finalizou cunha quenda aberta de preguntas na que se resolveron dúbidas tanto do estudantado como do profesorado presente, xerando un espazo de diálogo directo coa Administración marítima e contribuíndo a unha mellor preparación do alumnado para a súa futura incorporación profesional.

Desde a ETSNM valórase moi positivamente a colaboración coa DXMM neste tipo de iniciativas, que reforzan a calidade da formación práctica, a correcta aplicación da normativa vixente e a orientación profesional do estudantado.