A Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas (ETSNM) convoca o "I Premio Foro Riazor aos mellores Traballos de Fin de Grao e Traballos de Fin de Mestrado".
O obxectivo principal da ETSNM é a formación de profesionais altamente cualificados, proporcionando unha sólida formación cultural, científica e tecnolóxica coa fin de adquirir os coñecementos teóricos e prácticos do ámbito marítimo e tamén do industrial, administrativo e investigador, entendendo o desenvolvemento profesional como o resultado do intercambio das habilidades, capacidades e competencias de diferentes disciplinas.
Con ánimo de fomentar este obxectivo, así como apoiar o desenvolvemento formativo dos/as estudantes e recoñecer a excelencia académica, nace este "I Premio Foro Riazor aos mellores TFG e TFM".
Esta convocatoria ten por obxecto o recoñecemento daqueles Traballos de Fin de Grao (TFG) e/ou Traballos de Fin de Mestrado (TFM) defendidos ao longo do curso 2023/2024 que mellor integraren dimensións do ámbito de coñecemento da ETSNM nos seus proxectos e que sexan merecedores dunha especial distinción pola súa orixinalidade, pertinencia, relevancia e/ou proxección que poida acadar neste ámbito.
Poden ser candidatos/as nesta convocatoria os/as estudantes da ETSNM que defendan os TFG ou TFM no curso 2023/2024 cunha cualificación igual ou superior a 9,0 puntos.
Os/as candidatos/as, polo feito de se presentaren, outorgan permiso á ETSNM para publicar o traballo, na forma de póster, unha vez revisada de acordo coas indicacións da Comisión de avaliación.
Os premios concederanse en réxime de concorrencia competitiva entre os estudantes da ETSNM e serán financiados con cargo a partida orzamentaria 640A.422D.480.02. Os premios están suxeitos ás retencións que legalmente correspondan. A convocatoria e toda a información e fases difundiranse, entre outros medios, na páxina web da ETSNM.
Así mesmo, o resto de traballos finalistas concederánselle uns accésits. Cada traballo premiado e os accésits recibirá un diploma acreditativo. Se o xurado o estimar conveniente, poderá deixar algúns ou todos os premios desertos.
Os/as candidatos/as deben cubrir a solicitude que lles aparecerá na app Telmo de TFG/TFM creada para este fin. A persoa solicitante deberá subir a Telmo, un póster do TFG/TFM, onde ten que aparecer o título, autor/a, data de defensa, obxectivos, metodoloxía, discusión e conclusións finais. Tamén é importante o uso de imaxes ou ilustracións que acompañen o contido e o fagan máis visual.
O prazo para a presentación de solicitudes no formulario vai dende o día da publicación desta convocatoria no taboleiro de anuncios da páxina web da ETSNM, e remata ás 14:00 h do día 30 de outubro de 2024.
Terminado o prazo de solicitude e revisadas as solicitudes, a ETSNM fará pública no taboleiro de anuncios da páxina web da ETSNM a listaxe das solicitudes admitidas e, de ser o caso, non admitidas, indicando as razóns das posibles exclusións. As persoas interesadas disporán dun prazo de 5 días hábiles para corrixir as deficiencias indicadas, publicándose a continuación a listaxe definitiva.
O póster do traballo (TFG ou TFM) a enviar na solicitude será elaborado pola persoa candidata conforme aos seguintes criterios:
A Comisión de avaliación dos Premios estará composta de forma paritaria por persoal da ETSNM, da Dirección Xeral da Mariña Mercante e representantes de empresas e institución relacionadas co ámbito da Escola.
A Comisión de avaliación dos Premios estará composta por:
Os póster dos traballos premiados publicaranse pola ETSNM baixo unha licenza Creative Commons Atribución-NonComercial-CompartirIgual 4.0 Internacional (CC BY-NC-SA 4.0). Con este obxectivo, os autores e autoras dos traballos premiados comprométense en entregar á ETSNM os orixinais dos seus traballos en formato editable (texto, imaxe, etc.) que lle sexan solicitados e a atender as indicacións de revisión que lles faga chegar dende a ETSNM.
Os premios serán resoltos e entregados durante o Acto de Graduación no mes de febreiro de 2025. As persoas gañadoras aceptan a difusión do seu nome, de ser o caso, así como o título, resumos e póster dos traballos premiados, nas comunicacións de carácter informativo ou divulgativo realizadas pola ETSNM.
De conformidade co artigo 13 do Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, de 27 de abril, relativa á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento Xeral sobre Protección de Datos ou RGPD), comunicámoslle que a información proporcionada a través deste formulario será tratada baixo a responsabilidade da Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas da Universidade da Coruña, co obxectivo de xestionar os premios Foro Riazor aos Traballos de Fin de Grao (TFG) e Traballos de Fin de Mestrado (TFM).
Estes datos serán tratados durante o tempo imprescindible para alcanzar este obxectivo e serán conservados durante o período adicional dun ano ao remate das accións previstas no respectivo premio Foro Riazor aos TFG e TFM.
Ao cubrir este formulario, vostede acepta expresamente dito tratamento con propósito de cumprir a finalidade descrita e terá dereito a retirar ese consentimento en calquera momento, sen efectos retroactivos. Ten dereito a solicitar ao responsable do tratamento, en calquera momento, o acceso, a rectificación ou a eliminación dos seus datos persoais e a limitación do seu tratamento.
Tamén terá o dereito de opoñerse a este tratamento, así como solicitar, coa excepción dos casos de interese público e/ou exercicio dos poderes públicos, a portabilidade dos seus datos. Pode exercer estes dereitos a través dun escrito asinado e unha fotocopia do seu DNI enviados á Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas da Universidade da Coruña, coa referencia "protección de datos".
Ademais, ten dereito a presentar unha reclamación diante da Axencia Española de Protección de Datos (AEPD).
Carlos Prado Mateos desenvolveu un sistema automatizado para optimizar a estabilidade en artefactos mariños durante operacións de carga e descarga. A través dunha maqueta impresa en 3D, integrou un microcontrolador WeMos D1, un sensor xiroscópico e electroválvulas controladas electrónicamente. O sistema, monitorizado en tempo real mediante tecnoloxía MQTT, permitiu corrixir automaticamente o asento e a escora. Este proxecto demostra a viabilidade de aplicar solucións IoT accesibles e eficientes en operacións marítimas reais, mellorando a seguridade e a eficiencia a bordo.
Martín Castón Alonso desenvolveu unha aplicación móbil con infografías 3D para mellorar a aprendizaxe sobre o funcionamento, mantemento e reparación do separador de sentinas DELTA OWSA de DETEGASA. O proxecto permite consultar manuais interactivos sen conexión a internet, integrando contidos audiovisuais e animacións 3D elaboradas con software de código aberto. Esta ferramenta dixital facilita a formación flexible e autónoma, adaptada ás necesidades do sector marítimo actual.