Requisitos de acceso

1. Para acceder ás ensinanzas oficiais de máster será necesario posuír un título universitario oficial español de grao ou equivalente ou, de ser o caso, dispoñer doutro título de máster universitario, ou títulos do mesmo nivel que o título español de grao ou máster expedidos por universidades e institucións de educación superior dun país do EEES (anexos III e IV da normativa de preinscrición e matrícula nos másteres universitarios para o curso académico 2025-26) que no dito país permita o acceso aos estudos de máster.

2. Así mesmo, poderán acceder a unha titulación de máster universitario do sistema universitario español persoas en posesión de títulos procedentes de sistemas educativos que non formen parte do EEES, equivalentes ao título de grao, sen necesidade de homologación do título, pero si de comprobación por parte da Universidade do nivel de formación que implican, sempre e cando o título permita acceder a estudos de nivel de posgrao universitario no país onde se expedira. En ningún caso o acceso por esta vía implicará a homologación do título de acceso nin o seu recoñecemento para outros efectos que o de realizar os estudos de máster.

3. Excepcionalmente, de conformidade co disposto no artigo 18.4 do Real decreto 822/2021, o estudantado ao que lle falte por superar o TFG e como máximo ata 9 créditos ECTS poderá acceder e matricularse nun máster universitario de acordo coa normativa da UDC para estes supostos, aínda que en ningún caso poderá obter o título de máster se previamente non obtivo o título de grao. En calquera caso, o estudantado que dispoña do título universitario oficial de grao terá prioridade na asignación de prazas.

4. Para seguir con normalidade as actividades docentes e aproveitar adecuadamente a docencia recibida, os/as solicitantes de estados con lingua oficial distinta do español ou portugués deberán acreditar a competencia lingüística conforme ao disposto no capítulo VI da normativa de preinscrición e matrícula nos másteres universitarios para o curso académico 2025-26.

5. As persoas interesadas acreditarán o cumprimento dos requisitos de acceso e admisión para cada máster nos prazos sinalados para realizar a preinscrición.

Requisitos xerais da documentación para todos os solicitantes:

1. Os documentos deben ser oficiais e expedidos polas autoridades competentes.

2. O alumnado que posúa documentación nun idioma distinto do galego ou castelán deberá acompañala da correspondente tradución oficial a calquera das dúas linguas oficiais na UDC, que deberá facer un/unha profesional de tradución xurada, español/a ou autorizado/a no país de orixe polo Consulado Español.

Non será precisa a tradución oficial cando se trate de documentos redactados na lingua inglesa, francesa, portuguesa ou italiana. Nestes casos bastará a tradución que realice a propia persoa interesada, prevalecendo, se houbese discrepancia, a tradución que realice a UDC.

3. No suposto de documentación traducida con selo da tradución xurada nos casos en que esta sexa necesaria, deberán enviar copias de:

a) Documentos orixinais sen traducir (sen selo da tradución xurada)

b) Documentos orixinais traducidos (con selo da tradución xurada)

4. Todos os documentos enviados xunto coa solicitude poderán ser copias simples, pero deberán subir unha declaración responsable de que os documentos e datos presentados son fidedignos.

5. As persoas solicitantes deberán presentar os orixinais para ser cotexados, de ser o caso, na Administración do centro de adscrición do máster.

6. A comisión académica/de selección de cada máster poderá requirir, se o considera preciso, a entrega doutra documentación.

Calquera omisión ou falsidade nos datos declarados e na documentación enviada poderá dar lugar á exclusión do proceso de adxudicación de prazas e, de ser o caso, á anulación da matrícula, independentemente das sancións administrativas ou penais que correspondan.

Documentación requirida:

  • DNI ou pasaporte, no caso de non ter nacionalidade española (en vigor).
  • Título que da acceso ao Máster ou certificación supletoria provisional ou documento equivalente (solicitude de expedición de título oficial acompañada co xustificante do pago das taxas).
  • Certificación académica ou Suplemento Europeo ao Título (SET) no que conste a nota media do expediente calculada segundo o RD 1125/2003 de 5 de setembro.

A certificación académica debe ser oficial e non se admitirán versións descargadas do portal web da universidade se non se inclúe sinatura electrónica recoñecida, agás para o estudantado da UDC.

Documentación requirida: 

  • Declaración responsable sobre o cumprimento de requisitos e a veracidade de copias achegadas.
  • DNI ou pasaporte, en vigor.
  • Título que dá acceso aos estudos de máster  ou certificación supletoria provisional ou documento equivalente. 
  • Suplemento Europeo ao Título (SET) ou certificación académica oficial na que conste:
    • Duración oficial en cursos académicos/semestres, etc.
    • Materias cursadas.
    • Carga horaria/créditos de cada materia.
    • A cualificación e a escala de cualificacións.
  • Declaración de equivalencia da nota media do expediente académico universitario realizado en centros estranxeiros.
  • Os/as solicitantes de estados con linguas oficiais que non coincidan con ningunha das linguas de impartición do título recollidas na memoria de verificación, deberán presentar acreditación das competencias lingüísticas nalgunha destas linguas.
  • Calquera outra documentación específica requirida pola Comisión académica/de selección do Máster ou que se valore para a admisión, ver aquí.
  • Os documentos expedidos nunha lingua diferente ao castelán deberán vir acompañados da súa tradución oficial ao castelán ou galego.
  • As persoas solicitantes de países do EEES non membros da UE ou asinantes do acordo sobre o Espazo Económico Europeo deberán presentar a documentación legalizada.

 

Documentación requirida:

  • Declaración responsable sobre o cumprimento de requisitos e a veracidade de copias achegadas.
  • DNI ou pasaporte, en vigor.
  • Título que dá acceso aos estudos de Máster debidamente legalizado (por vía diplomática ou coa Apostila da Haia).
  • Certificado expedido por unha autoridade competente que exprese que o título que posúe faculta, no país expedidor deste, para o acceso a ensinanzas de Máster ou de Posgrao. 
  • Certificación académica dos estudos realizados debidamente legalizado (por vía diplomática ou coa Apostila da Haia), na que conste:
    • A duración oficial en cursos académicos/semestres/etc.
    • As materias cursadas.
    • A carga lectiva de cada materia (horas ou créditos).
    • A cualificación e a escala de cualificacións.
  • Declaración de equivalencia da nota media do expediente académico universitario realizado en centros estranxeiros.
  • Os/as solicitantes de estados con linguas oficiais que non coincidan con ningunha das linguas de impartición do título recollidas na memoria de verificación, deberán presentar acreditación das competencias lingüísticas nalgunha destas linguas.
  • Calquera outra  documentación esixida pola Comisión académica/de selección do Máster ou que se valore para a admisión, ver aquí.
  • Os documentos expedidos nunha lingua diferente ao castelán deberán vir acompañados da súa tradución oficial ao castelán ou galego.

Excepcionalmente, o estudantado ao que lle falte por superar o TFG e un máximo de 9 créditos ECTS, poderá realizar a preinscrición no prazo extraordinario, agás nos seguintes másteres:

  • Máster Universitario en Arquitectura
  • Máster Universitario en Avogacía e Procuradoría
  • Máster Universitario en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanza de Idiomas.

Terá prioridade na asignación de prazas o estudantado que dispoña do título universitario oficial de grao.

Documentación requirida:

  • DNI ou pasaporte, no caso de non ter nacionalidade española (en vigor).
  • Deberán subir á plataforma SIGMA, no espazo reservado para a "Titulación de Acceso", a declaración responsable para admisión a máster de non graduados.
  • Certificación académica ou copia do expediente descargadas do portal web da universidade (só para o estudantado da UDC) onde aparezan os datos persoais, as materias cursadas coa cualificación e número de créditos e a nota media final dos créditos superados ata o momento.
  • Declaración responsable sobre a veracidade de copias achegadas
  • Calquera outra documentación esixida pola Comisión académica/de selección do Máster ou que se valore para a admisión, ver aquí.

1. Os documentos académicos expedidos no estranxeiro (títulos e certificacións académicas) deberanse presentar legalizados por vía diplomática ou, de ser o caso, mediante a Apostila da Haia.

2. Para legalizar os documentos por vía diplomática deben ser presentados:

  1. No Ministerio de Educación do país onde se expediron os documentos.
  2. No Ministerio de Asuntos Exteriores do país onde se expediron os documentos.
  3. Na representación diplomática ou consular de España nese país.

3. Para legalización de documentos expedidos por países asinantes do Convenio da Haia (véxase a relación destes países no anexo V da normativa de preinscrición e matrícula nos másteres universitarios para o curso académico 2025/26), deben ser presentados:

  1. No Ministerio de Educación do país onde se expediron os documentos.
  2. No Ministerio de Asuntos Exteriores ou ministerio correspondente do país onde se expediron os documentos.