Matrícula

Competencia

O procedemento correspondente á xestión da matrícula será competencia das administracións dos centros de adscrición do máster, onde as persoas convocadas a matrícula deberán presentar os orixinais ou a documentación compulsada, de ser o caso.


Formalización da matrícula

1. As persoas solicitantes admitidas nunha opción de estudos deberanse matricular nos prazos establecidos, a través da secretaría virtual creada no portal académico dos másteres da UDC.

Se unha persoa solicitante fose admitida en máis dunha opción de estudos, só poderá formalizar a matrícula nunha delas, á súa elección.

A non formalización da matrícula no período establecido suporá a perda da correspondente praza.

2. As persoas solicitantes de bolsas, axudas, convenios, etc. deberán acreditar esta circunstancia xunto coa documentación esixida, para a exención de prezos públicos.

3. As vacantes que se produzan logo da matrícula do estudantado admitido, serán cubertas polas persoas integrantes da listaxe de agarda, tendo en conta a súa nota final de admisión, ata cubrir a totalidade das prazas ofertadas.


Lista de admitidos a prazas vacantes

Nas datas indicadas, as persoas solicitantes en lista de agarda deberán consultar a páxina web do centro de adscrición do máster para coñecer se foron convocadas a matrícula.

Esta publicación constitúe, para todos os efectos, a notificación oficial da admisión, con independencia de que desde os centros se poida enviar un correo electrónico meramente informativo ás persoas convocadas a matrícula.


Cambio de matrícula

As persoas que se atopen matriculadas nun máster se, polo movemento das listas de espera, son convocadas a outra opción de estudo, poderán realizar a matrícula na nova opción, entendéndose que renuncian á primeira matrícula realizada. Non obstante, e co obxectivo de mellorar a eficiencia na xestión das prazas vacantes, as administracións dos centros de adscrición dos másteres non considerarán admitidos a vacantes a aquel estudantado que xa estea matriculado noutra titulación de maior preferencia.