Facultade de Filoloxía

A Facultade  |  Graos  |  Mestrados  |  Doutoramento  |  Investigación  |  Calidade  |  International Students


Pasamento de Álvaro Porto Dapena, catedrático emérito da UDC

 

Álvaro Porto Dapena, catedrático emérito de Lingua Española na Universidade da Coruña e académico correspondente en Galicia da Real Academia Española, faleceu o pasado 6 de outubro, aos 78 anos de idade.

O profesor Porto Dapena incorporouse á UDC no ano 1997, despois de ter desenvolvida a súa labor docente e científica na Universidade Complutense de Madrid e no Instituto Caro y Cuervo de Bogotá.

Os seus traballos salientan especialmente en tres orientacións: a lexicografía teórica e práctica, a indagación toponímica e os estudios gramaticais.

No ámbito da elaboración de dicionarios debémoslle a continuación da publicación do Diccionario de Construcción y Régimen de R. J. Cuervo, a súa aportación ao Diccionario Histórico da Real Academia Española e o Diccionario Coruña de la lengua española actual. Esta práctica dicionarística  levouno tanto á reflexión e estudo dos dicionarios como a elaborar propostas de mellora e avance destas obras, reflectidas en decenas de artigos e varios libros, algún deles, como o Manual de técnica lexicográfica, convertido nun clásico de ampla difusión.

Tamén publicou numerosos artigos científicos e libros sobre gramática do español, en  particular sobre o verbo e os seus complementos.

Xunto á lingua española, sempre tivo un gran interese polo galego, ao que dedicou a súa tese de doutoramento, unha posterior monografía (El gallego hablado en la comarca ferrolana) e, posteriormente, varios traballos dedicados á toponimia de Cedeira e bisbarra, entre eles o Dicionario toponímico do concello e ría de Cedeira.