Escola Universitaria Politécnica

A Escola Universitaria Politécnica acolle os graos de Enxeñaría Eléctrica e Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática. 

Se estudas con nós recibirás unha formación adaptada ás demandas do mundo profesional, poderás realizar prácticas en empresas a través dos convenios de cooperación educativa e complementar a túa formación académica coa experiencia laboral. 

A Delegación de Alumnos organiza cada ano as "Xuntanzas Tecnolóxicas Empresa-Universidade", un evento que ten como obxectivo o achegamento entre empresas de enxeñaría, institucións e estudantes. Nestas xornadas prográmanse conferencias tecnolóxicas para presentar os últimos avances da industria, seminarios sobre ferramentas software propias de cada titulación e obradoiros para prepararte no acceso á túa vida laboral (elaboración de currículo, entrevista de traballo, procura de emprego etc.). As empresas participantes dispoñen dun espazo no que, ademais de mostrar os seus últimos produtos, entrevistan a estudantes e recollen CV. Así, estas xornadas, ademais de formativas, serven de conexión directa entre estudantes e empresas.

Por outra banda, tamén tes a posibilidade de realizar estancias en universidades estranxeiras de prestixio durante un ou máis cuadrimestres para cursar parte do teu curriculum e á vez consolidar a túa formación en idiomas. 

Para facerche máis fácil a incorporación á universidade ofrecémosche o Plan de Acción Titorial, unha iniciativa que ten como obxectivo familiarizarte con todos os recursos docentes, contorna e procedementos propios da Escola. Ademais, a cada alumno asígnaselle un profesor titor que actúa como asesor persoal do alumno, orientándoo durante a súa estancia no centro.

Contacto

Escola Universitaria Politécnica

Avda. 19 de febrero s/n
Campus de Ferrol-Serantes
15405 Ferrol, A Coruña