Instrucións

As instrucións para a utilización da Aula de Informática son:

  1. Poderán facer uso da aula todos/as os/as docentes, bolseiros/as de investigación, estudantes de calquera ciclo e PAS da Universidade da Coruña.
  2. É imprescindible e obrigatorio presentar o carné de estudante da Universidade da Coruña ou algún outro tipo de acreditación que indique a pertenza a esta institución.
  3. Dentro da aula non se permite o uso de teléfonos móbiles, fumar, ou consumir ningún tipo de alimento ou bebida.
  4. Está prohibido desenvolver actividades encamiñadas a quebrar a seguridade dos sistemas informáticos, así como subtraer ou danar o material existente.
  5. Non se permiten consultas a páxinas de contido obsceno ou violento, nin empregar canles de chat ou páxinas en que se ofreza este servizo, nin tampouco o uso de xogos nos ordenadores.
  6. Non se pode utilizar a aula como lugar de estudo ou conversa.
  7. O tempo máximo do uso continuo dos ordenadores será de 1 hora, en caso de que outras persoas usuarias o precisaren. No caso de saturación na aula o persoal encargado poderá realizar un control do tempo do uso dos ordenadores.
  8. De se utilizar algún disquete, antes deberáselle aplicar un antivirus.
  9. Se se observar un mal funcionamento ou unha anomalía de calquera tipo no equipo ou nos programas instalados, rógase que se poña en contacto coa persoa responsable.
  10. Só se poderán utilizar os programas informáticos instalados na aula, sen se poderen instalar outros.
  11. Ningunha persoa usuaria poderá deixar gardado no disco duro do ordenador ningún documento; debendo gardalos en disquetes ou destruílos.
  12. Non se pode, baixo ningún concepto, modificar a configuración do sistema nin das aplicacións, así como a presentación de pantalla, etc.
  13. O horario de utilización das aulas débese consultar no centro, e figura na entrada da aula. Este horario simplemente é orientativo e pode sufrir cambios, de que se informaría oportunamente, en función das necesidades de docencia.
  14. Permítese a impresión, moderada, de documentos en folios que subministre a persoa interesada.
  15. Estas normas publícanse sen prexuízo das que puideren ser aprobadas polo Consello de Goberno da Universidade.

 

Ferrol, 7 de abril de 2004