![]() |
O proxecto dHábitat xorde como resultado da constatación por parte de Arquitectos Sen Fronteiras, a través dunha experiencia de dúas décadas, das lagoas docentes e de sensibilización que, no ámbito da habitabilidade, pódense detectar na comunidade educativa galega. A esta percepción, e co obxectivo de cubrir as ditas carencias, súmase un colectivo de profesores da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña, comprometidos na paulatina ampliación do perfil formativo universitario.
O Dereito ao Hábitat está recoñecido no artigo 25.1 da Declaración Mundial dos Dereitos Humanos, así como no artigo 11 do Pacto Internacional de Dereitos Económicos Sociais e Culturais. No entanto, este dereito recoñécese nun marco de poboación mundial que hai tempo superou os 7.000 millóns de habitantes, dos que entre un 14 e un 28 % viven na pobreza extrema, sen unha vivenda estimable e sen recursos imprescindibles como a auga potable.
Neste contexto, ASF-Galicia e a Universidade da Coruña afrontan unha acción conxunta de formación e sensibilización, dirixida fundamentalmente aos futuros técnicos en parte responsables da construción e xestión do hábitat e, por extensión, ao conxunto da sociedade. O obxectivo último non é senón contribuír a acadar un mundo máis xusto e solidario, reivindicando o dereito ao hábitat como unha necesidade básica imprescindible para vivir con dignidade e seguridade, para desenvolver libremente a propia personalidade e participar convenientemente na vida comunitaria.
Desde esta visión global do problema, o proxecto contempla igualmente a creación dunha rede internacional de centros universitarios para o intercambio de experiencias, a oportuna colaboración, a xestión compartida de coñecementos e recursos e finalmente, a comprensión da complexidade inherente ás estratexias de habitabilidade básica en contextos moi diferentes do que nos é propio.
Baixo estas consideracións, esta plataforma pretende ser un punto de encontro ao tempo que un repositorio de recursos e experiencias.