Inicio

 feed
twitter |  facebook

 

 Proxecto de Reciclaxe de Materiais Plásticos de Refugallo

 

PROXECTO DE RECICLAXE DE MATERIAIS PLÁSTICOS DE REFUGALLO, FONDO 0,7% UDC

 

Equipo de Traballo: Cristina Blanco Montero, Cristina Botana Iglesias, Miguel Ángel Fernández Souto, Adrián Ferreiro Pérez, Alberto Fortes Novoa, Beatriz García Ron, Carolina Jack Lago, Lara Medín López, Berta Peleteiro Varela, Cristina García Fontán (coordinación)

Documentación en formato pdf: Reciclaje de material plástico de desecho para su aprovechamiento en sistemas constructivos en usos comunitarios (59,8 Mb)

 

A ONGD Arquitectos Sen Fronteiras (ASF) está, actualmente, traballando na Costa Sur de Guatemala dentro do Programa de Desarrollo Integral Oxlajuj Tz´ikin da Xunta de Galicia. No marco deste programa existe unha comisión de Medio Ambiente que detectou como un problema relevante dentro das comunidades a xeración e queima de importantes cantidades de refugallos plásticos (botellas,bolsas...) que contribúen á degradación da contorna das familias e do seu medio de subsistencia (os recursos naturais). Paralelamente a esta observación, xorde nunha das comunidades (Santa Inés) a preocupación pola falta de medios para a recollida do lixo, e comezan a buscar ideas para a súa re-utilización. Entre outras ideas proponse a súa re-utilización na construción.

Neste contexto, Arquitectos Sen Fronteiras ponse en contacto co profesorado da Escola de Arquitectura de A Coruña e presentase a Convocatoria de axudas a proxectos de investigación en Cooperación para o Desenvolvemento, Fondo 0,7 % UDC que oferta a oficina de Cooperación e Voluntariado da Universidade da Coruña. Entendendo que os escasos recursos económicos nas comunidades fan que non sexa posible o acceso a un hábitat digno (tanto familiar como comunitario), proponse a estratexia de investigar para aportar un sistema construtivo pertinente, eficaz, económico e viable que permita a re-utilización dos refugallos máis contaminantes e a mellora do acceso a unha construción digna dentro destas comunidades.

O proxecto consta de dúas etapas:

  • A primeira etapa, de carácter teórico, realizouse en Galicia, na Universidade da Coruña, tendo como espazo de referencia a oficina de Arquitectos Sen Fronteiras na Escola de Arquitectura Pedro Barrié de la Maza. Facendo uso dos medios a disposición na universidade leváronse a cabo as tarefas de procura de información e análise teórica para a definición dos sistemas construtivos obxecto de investigación.
  • A segunda etapa do proxecto tivo lugar na Municipalidade de Champerico, Departamento de Retalhuleu, na Costa Sur de Guatemala. Nesta fase verificáronse os sistemas construtivos que foran deseñados de maneira teórica para este emprazamento.

Durante todo o proceso de investigación e validación a cooperativa comunitaria Beljuj Q´nil (creada dentro do programa Oxlajuj Tz´ikin e dedicada á produción de materiais de construción) acompañou no proceso facilitando as instalacións e participando nos obradoiros e procesos de construcción.