Novas competencias do título "Tipo C: Transversais/nucleares"

Introdución

No Consello de Goberno do 31/05/2017 aprobáronse as novas competencias transversais para os títulos da UDC. Todos os títulos novos deben incorporalas (grados e mestrados). Até agora esas competencias segundo o procedemento para a elaboración das guías docentes e de titulacións, aprobado en Consello de Goberno o 28/6/2007, eran 8 e se denominaban "nucleares". O termo de “competencias nucleares”, que se definían como as común a todas as titulacións dunha universidade e que debían ser características do seu alumnado egresado, foi substituído polo de “competencias transversais”.

 

Transcorridos xa case 10 anos da súa aprobación, cumpría facer unha revisión, que nos levou a engadir e suprimir algunhas competencias, e a reformular outra. Cómpre lembrar que o obxectivo estratéxico número 1 da área de Responsabilidade Social do Plan Estratéxico UDC-2020 é a aposta por unha universidade que impulsa o cambio social, unha de cuxas liñas de actuación é “promover o desenvolvemento de competencias transversais en todas as titulacións”. Así mesmo, na sesión do Consello de Goberno do día 28 de novembro de 2014 (o día en que se presentou a proposta de integración da UDC na Rede de Universidades Saudables), presentárase un documento que promovía a saúde na cultura universitaria. Dentro dese documento, se propuña que os plans de estudo incluísen: “Estratexias, habilidades e actitudes que conduzan ao alumnado para desempeñar a súa actividade profesional nun paradigma social de igualdade, saudable, sostible e solidario cunha formulación deontolóxica baseada no respecto e recoñecemento das capacidades do ser humano mais alá das súas posibilidades físicas, sensoriais ou intelectuais, de forma que o alumnado da UDC coñeza, asuma e exercite as habilidades para a vida, definidas pola OMS, as habilidades psico-sociais de comunicación verbais/non verbais e os fundamentos da accesibilidade universal e o deseño para todos e todas”.

 

Así pois, para dar resposta a ese obxectivo estratéxico, constituíuse un grupo de traballo para a revisión desas competencias. Como resultado do seu traballo, creáronse 3 novas competencias, suprimíronse 2 (por xa figurar nas competencias básicas que proporciona o Ministerio) e simplificouse unha delas.