Métricas e avaliación

A transparencia e a rendición de contas son criterios cada vez máis esixidos pola sociedade. Xa que o investigador é avaliado constantemente (polas institucións, gobernos, axencias de finanzamento, etc.), este debe procurar estratexias que maximicen o impacto da súa produción.

Unha das principais estratexias que debes seguir é curar os teus perfís nas principais bases de datos nacionais e internacionais que ofrecen métricas valoradas nos procesos de acreditación. A grandes rasgos os perfís en todas elas non están pensados para recoller a produción científica ao completo do investigador, senon que se limitan a recoller as publicacións que chegan a estar indexadas nelas en función do criterio de selección de cada plataforma. ​Todas elas son ferramentas potentes creadas para o descubremento de información de calidade e co tempo perfeccionaron o seu desenvolvemento para poder xerar métricas que expresan a dita calidade, convertíndose en fontes de información imprescindibles nos procesos de acreditación académica ou avaliación de tramos de sexenios.​

Case todas estas bases de datos, excepto Dialnet (faino a biblioteca por ti), esixen aos investigadores un constante traballo de vixilancia para reclamar e reunir as publicacións que aparecen nelas debido a que coexisten distintos modelos de indización e a que o problema da sinatura/identificación a nivel internacional non está resolto. ​Non asinar sempre igual, non engadir correctamente a filiación académica ou a idiosincrasia dos apelidos anglosaxóns vs apelidos latinos dispersa constantemente a información e implica un compromiso do investigador por tratar de corrixir os erros. ​

Debido á súa función como fonte de información de métricas para procesos de selección oficiais a xestión dos datos sempre está mediada/limitada e adoita necesitar validación polos intermediarios (xestores das bases de datos) para evitar fraudes. É importante procurar que os datos sexan correctos porque son fonte de alimentación do Portal da investigación da UDC.

 

Perfís orientados a obter métricas

ResearcherID (WoS)

Researcher ID é o perfil que xera WoS unha vez se indexa algo propio na dita base de datos (a BBDD baleira, sobre todo, revistas reputadas). O investigador debe reclamar o dito Researcher ID e nese momento pode editar datos como o nome principal, variantes de nome, filiación, reclamar as publicaciones que existan na BBDD e non se lle asignaran, eliminar as que non lle correspondan, fusionar con outro perfil que xerara automaticamente o algoritmo, etc.

O autor nunca ten capacidade de decisión sobre o que recolle a base de datos (só pode garantir que un traballo seu aparecerá en WoS se procura publicalo nalgunha das revistas que a BBDD indexa por considerarse de calidade).

Permite sincronizar con Orcid para cargar datos alí automáticamente. Tamén se poden cargar no Researcher ID publicacións non indexadas en WoS (sincronizando con Orcid á inversa ou subindo arquivos), pero non o aconsellamos porque non é un perfil pensado para reunir o currículum investigador e xeraría un traballo de actualización innecesario, ademais de que tampouco axuda a incrementar as métricas. Pódese crear un Researcher ID sen ter nada indexado na base de datos, pero tampouco ten moito sentido.

 

Scopus Author ID

Scopus Author ID é similar nas súas características a WoS, coa diferenza de que as opcións de xestión do perfil son máis ríxidas. Non se pode crear un Scopus ID se non hai algo indexado en Scopus, só deixa escoller nome e filiación entre as que ofrecen os documentos indexados na base de datos (por iso é moi importante que os datos en orixe, sinatura e filiación, estean ben), e non se pode engadir nada alleo á BBDD. As correccións (adicións, eliminacións de documentos ou fusión de perfís) fanse través do apartado Edit.​

Permite sincronizar co Orcid para cargar datos alí automáticamente.

 

Dialnet ID

Este perfil normalmente créase automaticamente no momento en que se carga algo do autor en Dialnet. As opcións de xestión do perfil son mediadas pola biblioteca (tés que te poñer en contacto con ela se queres cambiar a sinatura, xestionar a filiación, engadir enlaces a outros perfís, etc…). O contido do que recolle Dialnet tamén está suxeito a limitacións e é a base dos indicadores de ofrece Dialnet Métricas. ​

As bibliotecas non baleiran todas as revistas que existen, senon unha selección de revistas iberoamericanas de calidade, libros que pertencen aos fondos das bibliotecas colaboradoras, e as teses presentadas en universidades españolas. Se observas que falta algún artigo na túa produción científica pode ser que sexa porque non está publicado nunha revista baleirada. Se falta algún libro, capítulo, ou actas de congreso, informa á túa biblioteca para que adquira un exemplar da obra ou dóaa, para que a poidan baleirar. Podes suxerir á biblioteca que se baleire unha nova revista. A biblioteca poñerase en contacto con Dialnet, pero a aceptación deste tipo de suxestións require que a publicación se reciba en papel, que cumpla unha serie de requisitos técnicos e de calidade e implica que se teña que facer un baleirado retrospectivo da mesma, polo que a aceptación non é sinxela.

 

Google Scholar Citation (GSC):

Este perfil é editable e ofrece algunhas métricas en base ao que Google Scholar recolle a través dos seus robots (que detectan documentos que teñen certos metadatos, resumo ou referencias bibliográficas e que están aloxados en páxinas académicas de confianza) e asociaos a cada autor. ​

Este perfil ofrece moita libertade de edición xa que non só permite borrar as referencias que nos asignou GS erróneamente (isto evítase elixindo a opción Non actualizar automáticamente para que o sistema sempre che pregunte antes de asignarche un documento automáticamente) ou buscar as que non nos foron asignadas, senon que permite engadir referencias que non existen en GS. Esa liberdade é o que fai que as súas métricas (índice h o i10) non sexan de todo fiables de cara ás axencias de acreditación. Non ofrece un identificador permanente e tampouco permite en enlazar con ORCID.

 

Outros perfís que ofrecen métricas

Dimensions, Lens, ImpactStory, OpenAlex, Semantic Scholar

Trátase de novas ferramentas que detectan documentos a través de metadatos, o DOI ou a información en Crossref e os asocian a autores facendo análise dos datos e ofrecendo métricas (citas, grao de compromiso co acceso aberto, impacto en redes sociais...). Algunhas poden sincronizar con Orcid para mellorar a súa capacidade de rastreo e identificación da produción científica.​