Laudatio

Laudatio como Doutor Honoris Causa da Universidade da Coruña do Excmo. Sr. D. Seamus Heaney, pronunciada polo Profesor Dr. D. Antonio Raúl de Toro, Catedrático de Filoloxía Inglesa.

Toro

 

Excmo. e Magfco. Sr. Rector.

Ilustrísimas autoridades.

Señoras e señores membros do Claustro.

Minas donas e meus señores.

 

Permítasenos concederlle unha oportunidade á lenda e deixémonos sumir no seu  engado: "No norte de España vivía outra tribu, os Fillos de Mil. Os milesios eran expertos en maxia tamén, e durante moitas xeracións foran un pobo errante. Viaxaran a lugares distantes, e chegaran ata Grecia e Exipto. Por fin asentáranse en España e Breogán, un dos seus reis, construíu unha torre tan alta que os milesios podían divisar enormes distancias en todas direccións. Un día claro, un mago culto de nome Ith subiu á torre e ollou unha liña borrosa cara ó noroeste. Mentres el fitaba, pensaba que podería ser unha illa con altas montañas desdibuxadas na distancia. Canto máis fitaba máis clara facíase a liña, ata que estivo seguro de que existía outra terra no horizonte. Rapidamente baixou da torre e correu a contar o que vira ós seus irmáns. Tentou convencelos de que foran con el para saber como era aquela illa distante pero ríanse del. [...] Finalmente o fillo de Ith e algúns máis creron o seu relato e preparáronse para a expedición e navegaron."

Este é o comezo do relato da invasión dos milesios en Irlanda e que se atopa no Libro das conquistas de Irlanda (Lebor Gabhála Erenn), libro coñecido en Galicia para os homes da Xeración Nós, e que logo ía ser traducido na súa revista. ¿Divisaría Ith aquela illa desde a Torre de Hércules, tan perto de nós?

Pero o relato, como se sabe, continua coa descrición da conquista da illa en represalia polo asasinato de Ith e moitos dos seus acompañantes, e aí cobra protagonismo un poeta, o druída Amergin. Tan pronto logra poñer o seu pe dereito na costa irlandesa, recitou o poema:

 

''Eu son o vento do mar.

Eu son a onda do océano.

Eu son un touro poderoso.

Eu son unha aguia no penedo.

Eu son o brilo do sol.

Eu son un fero xabarín.

Eu son un salmón na poza.

Eu son a sabiduría do arte.

Eu son a afilada lanza na batalla.

Eu son o deus que inflama a mente. "

 

Hoxe temos a oportunidade e a inmensa ledicia de asistirmos ó que en Irlanda chaman un "immram", é dicir, unha viaxe marítima, pero metafórica e en dirección contraria, cara a Brigantia, e de novo temos o privilexio de recibir entre nós a un Amergin contemporáneo: o gran coñecido e celebrado poeta Seamus Heaney. Como se dixésemos que un descendente dos fillos de Mil volta á terra dos seus ancestros para coñecer os lugares míticos—lembremos o poema "Finisterre", de Thomas Kinsella—e para ser homenaxeado. ¿Acaso Seamus Heaney estaba profetizando esta viaxe ó Fisterra galaico na primeira estrofa de "North"?

 

I returned to a long strand,

the hammered shod of a bay,

and found only the secular

powers of the Atlantic thundering

 

Voltei a unha longa praia,

martelada figura dunha baía,

e atopei soamente os seculares

poderes do Atlántico retumbando.

 

Pouco podían imaxinar Pondal, Otero Pedrayo, Vicente Risco, Plácido Castro e tantos outros que un fillo da verde Erin ía ser nomeado Doctor Honoris Causa pola Universidade da Coruña, o pe dun lugar tan emblemático como a Torre de Hércules ou Pharum Brigantium. Se cabe, esta referencia obrigada á Xeración Nós en Galicia confírelle a esta investidura unha dimensión inesperada: o cumprimento dun soño vagamente esperado de toda unha xeración, o irmanamento de dous pobos, e que agora se consigue a través da poesía que, como acostuma a ser, vai case sempre por diante das relacións humanas.

A "laudatio" debera comezar por agradecer a todos cantos colaboraron para que este acto de investidura puidera celebrarse. Compre subliñar así que, a proposta miña, aprobaron dita investidura en sucesivas fases o Consello do Departamento de Filoloxía Inglesa, logo a Xunta de Facultade de Filoloxía, a Xunta de Goberno da Universidade, o Claustro da Universidade e sempre co apoio decidido do Excmo. Sr. Rector. E certamente agradecer tamén ó propio homenaxeado, Seamus Heaney, por aceptar o vencello académico e afectivo con esta Universidade. Debo lembrar aquí a miña grata e emocionada sorpresa cando o poeta sen dubidar resposta afirmativamente á invitación institucional para nomealo Doctor Honoris Causa pola Universidade da Coruña, tan nova pero tan dinámica.

Seamus Heaney nace en 1939 nunha casa de labranza chamada Mossbawn (cantada por el no poema homónimo) no condado de Derry, en Irlanda do Norte, sendo o maior de nove irmáns, e asiste á escola local de Anahorish. El lembra en Preoccupations que, cando comeza a ler, os libros máis importantes da casa eran as cartillas de racionamento, aínda que existían catro ou cinco libros que deixara unha tía mestra pero que eran difíciles de coller para un neno, xa que estaban nunha estantería alta e detrás dunha cortina. A escola de Anahorish admitía a católicos e protestantes pero as diferencias relixiosas nesta comunidade rural esquecíanse en beneficio do común interese pola agricultura; mais este primeiro mundo de Heaney está configurado polo feito de ser católico no Norte de Irlanda. Pero ser cat6lico en Irlanda do Norte traspasa OS límites da relixi6n mesma. Segundo el dixo nunha entrevista ó Guardian en 1974, "É case un termo racista, unha etiqueta para un conxunto de valores culturais". Significaba que as lecturas da infancia de Heaney incluían cómics e novelas de aventuras da literatura inglesa, en especial as de Stevenson, xunto con publicacións nacionalistas. Ese material e as cancións patrióticas irlandesas no ámbito familiar crean en Heaney e na minoría católica unha mitoloxía completamente estraña á cultura unionista dominante no Norte. Esa mitoloxía, axudada por lecturas de heroes célticos e polo estudio da lingua irlandesa, confírelle unha conciencia firme de ser irlandés nun estado que se considera británico.

Despois de continuar os estudos en St. Columb en 1957, entra no Queen's University de Belfast para estudiar lingua e literatura inglesa, rematando en 1961 coas máximas cualificacións. A súa conciencia de pertencer a unha "cultura fracturada" adquire un novo senso na universidade, e tenta gardar un equilibrio entre os seus estudos de literatura moderna e as lembranzas das ideas e impresións recibidas na súa infancia. Lembranzas da paisaxe que perduraran de xeito indeleble, segundo a súa confesión, ata o punto de que admite sentir unha fonda e forte atracción pacífica por calquera espacio verde e húmido, terras inundadas, ou lugares con auga e vexetación da tundra: compre subliñar, por exemplo, o poema "Anahorish", que significa "Meu lugar de auga limpa", celebrando o lugar onde ía á escola.

En 1962 comeza a súa etapa docente como profesor de secundaria no St. Thomas's Intermediate School, en Belfast, e alí coñece ó escritor Michael McLaverty, que ía introducir a Heaney á poesía de Patrick Kavanagh. A experiencia rural de Kavanagh, tan similar á de Heaney, que se reflicte na súa poesía, vai deixar unha forte pegada no poeta, e desde entón convértese nunha referencia literaria para el. Nesta época entra en contacto con Philip Hobsbaum, profesor do Queen's que organiza de forma regular reunións con poetas novos e que se coñecen como "The Group". A función de Hobsbaum articulando este ambiente literario en Belfast foi recoñecida por todos, e significou o punto de inflexión definitivo na obra de Heaney. Poetas asiduos eran tamén Michael Longley, Derek Mahon, Stewart Parker e James Simmons, ata que Hobsbaum trasládase a Glasgow; e logo únense Paul Muldoon e Frank Ormsby nas reunións na casa de Heaney.

Seamus Heaney pouco despois cásase con Marie Devlin e froito do seu matrimonio son dous fillos e unha filla.

No ano 1966 a prestixiosa editorial Faber publica o seu primeiro poemario, Death of a Naturalist, que acada enorme recoñecemento critico e fanlle merecedor do Somerset Maugham Award e do Geoffrey Faber Prize. Ían seguir o Denis Devlin Award (1973), o American-Irish Foundation Award (1973), o W. H. Smith Prize Award (1975), o Duff Cooper Memorial Prize (1976), o E.M. Forster Award (1976), e tantos outros importantes premios ata acadar en 1995 o Premio Nobel de Literatura.

Desde 1965 publica artigos e reseñas en xornais e revistas inglesas, como o New Statesman ou Listener, e colabora en programas de radio e TV da BBC e da RTV irlandesa, converténdose nos anos sesenta e setenta nun comunicador ben coñecido no ámbito cultural e político.

Mentres tanto entra como profesor no Queen's University de Belfast nos anos en que a situación en Irlanda do Norte faise tensa e perigosa conforme van en aumento os choques entre os católicos e a oposición dos unionistas protestantes e a policía. 0 propio Heaney participa no movemento de dereitos civís e escribe un artigo no Listener, 'Old Derry's Walls", no que fai patente a "indignación e decisión dos manifestantes en pro dos dereitos civís".

0 segundo poemario, Door into Dark, sae á luz en 1969 e entra na lista dos mellores libros do ano. 0 ano académico 1970-1 vaino pasar como profesor invitado na Universidade de California en Berkeley, onde entra en contacto en especial coa poesía de William Carlos Williams (1883-1963), e outros escritores norteamericanos contemporáneos, pero ó mesmo tempo non esquece a profundización na historia e literatura irlandesas, e alí comeza unha serie de poemas en prosa que o levan unha vez máis á súa infancia no condado de Derry. Como expresa no poema "Bog Queen"do poemario North:

 

I lay waiting

between turf-face and demesne wall,

between heathery Levels

and glass-toothed stone.

 

Eu quedo esperando

entre a turbeira e as paredes dos pazos,

entre terras de uz

E muros cubertos de dentado cristal.

 

Cando volta a Irlanda do Norte en setembro do 1971 a situación deteriorase por completo, coa entrada en vigor da supresión do "habeas corpus". Decide abandonar o seu posto como profesor en Queen's e múdase a Glanmore, cerca de Dublín, de xeito que cando se publica a seguinte obra, Wintering Out, en novembro de 1972 xa se atopaba no sur para comezar unha etapa como escritor independente. A súa marcha do norte foi celebrada polo Protestant Telegraph, órgano dos radicais unionistas de Ian Paisley por ser "un famoso propagandista papista que ía ó seu fogar espiritual na república papal", en troques o Irish Times de Dublín dálle a benvida co titular "Poeta do Ulster múdase ó sur".

En 1975 Seamus Heaney publica North e a prensa inglesa coincide en sinalar o seu logro poético e que, por fin, Irlanda do Norte conseguira unha expresión axeitada en poesía, aínda que os críticos do norte non lle dispensaron unha acollida tan cálida. Desde os anos setenta a reputación da obra de Heaney en América ía en aumento e cando se publica Field Work en 1979 coincide cunha estancia como profesor visitante na Universidade de Harvard, estancia que vai repetir sucesivamente ata hoxe. En 1989 é nomeado Catedrático de Poesía da Universidade de Oxford, cátedra que ocupa ata 1994.

En 1980 aparecen simultaneamente Selected Poems e Preoccupations, unha colección de ensaios e reminiscencias, fundamental para penetrar na poética de Heaney. En 1982, xunto co poeta Ted Hughes, publica unha antoloxía de poemas para nenos, The Rattle Bag, e o ano seguinte Sweeney Astray e Station Island. A súa produción literaria aínda vai a ofrecernos outros títulos: The Haw Lantern (1987) que acada o Whitbread Award, The Government of the Tongue (1988), The Cure at Troy: A Version of Sophocles' Philoctetes (1990), Seeing Things (1991), The Midnight Verdict (1994), Crediting Poetry (1995), The Redress of Poetry (1995), Beowulf(1999). A súa obra é parcialmente coñecida en España; existe unha boa Antología poética, editada por Brian Hughes, e traducíronse La linterna del espino, Muerte de un naturalista, e Norte. En galego traduciuse Traballo de campo e unha ampla selección de poemas incluídos no libro Poesía irlandesa contemporánea, editado por min. Asimesmo existe unha versión bilingüe español-catalán de La llanterna de l'arc.

A conciencia de ser poeta e personaxe con gran incidencia social fai que Seamus Heaney amose dubidas, típicas de todo escritor en similares circunstancias, sobre como reaccionar. Segundo el confesa: "Avanzo e retrocedo de calquera entrada consciente ou deliberada nesa vida publica. Concito tanta atención que o meu impulso é retroceder antes que avanzar neste momento. Non sei se iso significa unha irresponsabilidade ou un acto saudable de supervivencia. Non o sei; son preguntas que non teño nada craras".

Indubidablemente, Heaney ten motivos sobrados para sentir tales dúbidas xa que é un poeta recoñecido non sómente en Irlanda e Gran Bretaña, senón en todo o mundo segundo amosan os múltiples premios, nomeamentos e outras distincións de diferentes institucións, desde a investidura como Doctor Honoris Causa pola súa universidade de orixe en Queen's de Belfast en 1982, á concesión do Premio Nobel de Literatura en 1995, ata hoxe no que solicitamos a súa investidura como novo Doctor da Universidade da Coruña.

Par mor de axustarmos ó tempo establecido, soamente subliñamos algúns dos moitos méritos que acompañan á profesor e poeta Seamus Heaney. A importancia e transcendencia da súa obra sobrepasa OS límites de Irlanda para convertérense en patrimonio de tódolos seus lectores. A súa poesía axúdanos a tentar o noso camiño nun mundo axitado e confuso, segundo el mesmo di citando unha expresión da escritora norteamericana Carson MacCullers "para saber quen eres, necesitas ter un lugar de onde proceder". A súa experiencia artística tamén debe ser, sen dúbida, punta de referencia para outros escritores en parecidas situacións: "Certamente o segredo de ser poeta, sexa irlandés ou calquera outro, consiste en convocar a enerxía das palabras. Mais a miña percura en pos dunha definición, mentres que pode ir cara atrás, desenvólvese no discurso vivo da paisaxe na que nacín. Se prefires, comecei a ser poeta cando as miñas raíces mesturáronse coas minas lecturas. Eu identifico as querencias irlandesas e persoais como vocais, e a conciencia literaria alimentada na tradición inglesa como consoantes. A miña esperanza é que os poemas sexan vocablos axeitados a toda a miña experiencia".

Otero Pedrayo referíase ás rúas de Compostela como "tan sonorosas de tan caladas", pero nós sempre agradeceremos tamén os ecos e as rumorosidades do Atlántico, o cheiro e arume da turba, a paisaxe húmida da Irlanda que, como decía Steiner, non se esquece endexamais, o culto á tolerancia, ó aprendizaxe da supervivencia, e outras moitas evocacións que esperta a súa poesía en tódolos lectores e oíntes, e quedamos todos moi agradecidos. Por todo iso, Seamus Heaney, poeta, profesor, e entrañable exemplo, moitas gracias.