REDE DE COLABORACIÓN INTERUNIVERSITARIA PARA A DOCENCIA E INVESTIGACIÓN NA EDUCACIÓN SUPERIOR CON PERSPECTIVA DE XÉNERO

Esta iniciativa, que nace na Universidae de Sevilla coa participación de profesorado e da OIX da Universidade da Coruña,  pretende poñer en marcha unha rede interuniversitaria que sirva de instrumento para o cambio da cultura docente, promovendo a inclusión da perspectiva de xénero na docencia e na investigación mediante a difusión de guías, experiencias e recursos para a práctica nas nosas universidades.

A rede persegue avanzar na calidade e innovación do ensino apostando pola incorporación do principio de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. Preténdese así dar cumprimento ás directrices xerais dos plans de estudos nas que se insta ás universidades a incluír este principio na formación de grao (Real Decreto 1393/2007. BOE nº 260, do 30 de outubro de 2007).

A inclusión da perspectiva de xénero require de formación específica do persoal académico, de recursos bibliográficos, didácticos e metodolóxicos, de coñecemento do traballo acumulado e, moi especialmente, da voz e experiencia de colegas que veñen incluíndo a perspectiva do xénero na súa docencia e/ou investigación universitaria.

Por iso a contribución, traballando en rede con outras universidades, de todas as persoas que poden aportar algunha experiencia é importante para avanzarmos.