Un estudo interuniversitario no que participa a UDC cifra nun 40% a parálise da actividade empresarial galega durante a crise da COVID-19

Nota de prensa
15/05/20 13:22
  • Covid-19 Institucional

A Coruña, 15 de maio de 2020.- O informe “A situación do emprendemento en Galicia ante a crise da COVID-19” amosa a incertidume a preocupación polo emprego do sector empresarial galego paralizado nun 40% a súa actividade durante a crise provocada pola COVID-19. Este informe foi elaborado polo Equipo do Global Entrepreneurship Monitor (GEM-Galicia), no que participa a profesora da Facultade de Economía e Empresa da Universidade da Coruña, Nuria Calvo. O estudo, dirixido pola profesora da Universidade de Santiago de Compostela Isabel Neira, enmárcase dentro dun proxecto a nivel nacional do Observatorio do Emprendemento de España, coordinado polas profesoras Mar Fuentes da Universidad de Granada e Isabel Neira da Universidade de Santiago.

Segundo este informe, case a metade das empresas, independentemente do seu tamaño, continuaron o seu labor a través do teletraballo dos seus empregados. Este é, explican as investigadoras, sen dúbida o cambio máis relevante da forma de traballar que se produciu en todos os ámbitos da economía, aínda que é especialmente relevante nos servizos a empresas (o 81% dos emprendedores que ofrecen servizos a empresas acolléronse a esta modalidade). Doutra banda, o 53% das empresas que ofrecen servizos ao consumidor final acolléronse ao peche temporal durante o período de confinamento.

A maior parte das empresas víronse afectadas por unha caída na demanda. Con todo hai diferenzas entre sectores: o 53% das empresas de servizos ao consumidor non tiveron demanda ao permanecer pechadas; no sector industrial, un 80% das empresas percibe unha redución na demanda e o 62% das empresas que ofrecen servizos a outras empresas, maioritariamente abertas, tamén viron reducida a súa demanda. A diferenza doutras ocasións, neste caso o sector primario é unha excepción. O 57% das empresas deste sector conseguiron manter a súa demanda.

Para facer fronte a esta situación un 9% implementou recortes salariais, o 20% redución de horas e un 15% redución de empregados, cifras lixeiramente inferiores á media española en todos os aspectos. Sorprendentemente, as empresas que continuaron operando na modalidade telemática son as que sufriron maiores recortes, tanto en salarios como en emprego, e é aquí onde as diferenzas son maiores coa media española. O 62% das empresas galegas sinalan acudir a estes recortes, o dobre da media española.  Ademais de axustar o número de empregados, no sector de servizos a empresas o 19% das organizacións traballou grazas ás alianzas dentro da cadea de subministracións, ou á cancelación de pedidos a provedores no caso dos servizos ao consumidor, e en ambos os casos, máis dun 20% das empresas reorientou o seu negocio.

Para o 85% das empresas o impacto da Covid-19 nos seus negocios foi negativo ou moi negativo (79% na media española). O 60% delas ven un futuro inmediato incerto, de feito, un 22% dos emprendedores xa cambiou o seu modelo de negocio, e mesmo o 13% dos que continúa operando e o 8% dos que pecharon temporalmente teñen previsto a futuro cambiar de actividade, así como buscar novos clientes (36%). Como solucións para saír da crise expoñen a procura de financiamento externo, tanto bancaria como a través de novos investidores. En canto ao emprego, a necesidade de reducir persoal é moito menor nas empresas galegas que as españolas.

En definitiva, esta crise provocou, segundo a opinión maioritaria dos enquisados, un problema de demanda causado principalmente pola incerteza, pero dependendo do tamaño, sector e fase en que se atope o proxecto empresarial, as necesidades do colectivo emprendedor e, por tanto, as respostas da administración deben de ser diferentes e adaptadas ás circunstancias.

 

Acerca GEM

O Global Entrepreneurship Monitor ( GEM) é un consorcio internacional coordinado a nivel mundial pola Global Entrepreneurship Research Association patrocinada por Babson College. Formado na actualidade por equipos nacionais de investigadores de máis de 60 países, desde 1999, son os responsables do máis prestixioso e extenso estudo sobre o estado do emprendemento a nivel mundial. A través dunha metodoloxía común de medición, desde hai máis de 20 anos describen o perfil do colectivo emprendedor e a súa contorna e axudan a identificar os factores que incrementan os niveis de emprendemento e, con iso, o desenvolvemento económico dos países. Os seus resultados constitúen unha valiosa ferramenta de comparación entre países polo que os seus datos e informes son utilizados como referente e fonte de información a nivel mundial.

 

Acceso a informe Español :

https://www.gem-spain.com/situacion-del-emprendimiento-en-espana-ante-la-crisis-del-covid-19/

Acceso ao informe Galego:

https://www.gemgalicia.org

Datos de contacto:

Equipo GEM-Galicia

Máis información:

https://www.gemgalicia.org

https://www.gem-spain.com

 

Foto: a profesora e investigadora da Facultade de Economía e Empresa da UDC, Nuria Calvo

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC