A Coruña, 2 de novembro de 2016.- O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya, anunciaron esta mañá en rolda de prensa a apertura da convocatoria do Programa InTalent UDC-Inditex para contratar investigadores excelentes de carácter internacional que queiran desenvolver o seu proxecto científico nos centros da UDC.
Os investigadores poderán inscribirse e realizar todos os trámites a través da páxina web www.intalent.udc.es desde mañá ás 8:30 horas ata as 14:30 horas do 1 de decembro. Unha comisión de expertos, presidida polo vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, formada por cinco investigadores especializados en distintas disciplinas científicas, avaliará as solicitudes e elixirá dúas delas para que comecen a traballar nos centros de investigación da Coruña ou Ferrol a partir de xaneiro de 2017.
A Universidade da Coruña, co financiamento de Inditex de 1.450.000 euros en total, contratará a seis investigadores, que se incorporarán de dous en dous nos anos 2017, 2018 e 2019. O contrato terá unha duración de dous anos, coa posibilidade de prórroga dun ano máis, logo dos cales, a UDC incorporará a estes científicos como persoal docente e investigador. O importe de cada contrato será de 45.000 euros anuais, máis unha axuda de 10.000 euros para os gastos de posta en marcha do seu proxecto científico. Ademais, a Universidade abonará con 1.000 euros os gastos de desprazamento.
O reitor destacou na rolda de prensa a importancia deste programa para a Universidade da Coruña. Por un lado, explicou Abalde, cúbrese o obxectivo de captar e reter talento, “o máis importante que temos na Universidade”, e polo outro, pola relevancia que ten este proxecto froito da colaboración entre a universidade e a empresa. “Agradezo a Inditex a súa predisposición para participar neste proxecto tan importante para a UDC, agradecemento que quero personalizar no seu presidente, Pablo Isla, e tamén no secretario Xeral de Inditex e presidente do Consello Social da UDC, Antonio Abril, que fixo de intermediario e que sempre axudou á Universidade da Coruña”. O reitor tivo tamén palabras de recoñecemento para o anterior reitor, Xosé Luís Armesto, e para o anterior vicerreitor de Investigación e Transferencia, Ricardo Cao, porque o proxecto do Programa InTalent comezou a xestarse con eles na Reitoría da Universidade da Coruña.
Pola súa banda, o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia avanzou que aínda que non se sabe a resposta que poderá ter este programa que se pon en marcha por primeira vez e non ten equivalencia noutras universidades, “polas peticións de información que está habendo estes días, cremos que vai haber moita demanda”.
Publicado por: Gabinete de comunicación