Terapia Ocupacional celebra o XX Aniversario coa entrega da Medalla de Ouro a Begoña Polonio na presenza da Doutora Honoris Causa Johanna Van Bruggen

Nota de prensa
28/10/19 14:09
  • Institucional

A Coruña, 28 de outubro de 2019.- A Universidade da Coruña celebra este luns o XX Aniversario dos estudos de Terapia Ocupacional en Galicia, titulación única no Sistema Universitario Galego que se imparte na Facultade de Ciencias da Saúde, no campus de Oza.

No acto de presentación do programa de celebración, que tivo lugar esta mañá na Reitoría, a vicerreitora de Internacionalización e Cooperación, Pilar García de la Torre, subliñou a importancia dos preto de mil titulados en Terapia Ocupacional nestas dúas décadas na mellora da calidade de vida en Galicia, coa atención ás persoas con diversidade funcional e colectivos con necesidades especiais. García de la Torre plantexou como un dos retos de futuro para esta titulación a consolidación en temas de internacionalización nos que xa están traballando na Facultade con convenios con Chile e Colombia. A decana da Facultade, Adriana Ávila Álvarez, destacou a alta demanda por parte dos estudantes que ten todos os cursos este Grao, así como o alto número de empresas e institucións, máis de cen, nos que o alumnado realiza prácticas académicas desde o primeiro curso. A presidenta colexial, Andrea Alonso Cadavid, apuntou tamén a alta demanda de profesionais terapeutas ocupacionais que lles chega ao Colexio. Na boa inserción laboral insistiu tamén a vicedecana e coordinadora do título, Nereida Canosa Domínguez, quen explicou que todos os anos en novembro se fan estudos de inserción laboral dos titulados no curso anterior, que remata en xullo, e os datos apuntan unha ocupación laboral do 80%.

 

Celebración

O reitor, Julio Abalde, presidirá a conmemoración que comezará hoxe ás 16:30 horas no salón de actos do Edificio Universitario de Oza, xunto coa decana, Adriana Ávila Álvarez, e a presidenta do Colexio Oficial de Terapeutas Ocupacionais de Galicia, Andrea Alonso Cadavid,  e coa presenza da Doutora Honoris Causa pola UDC, Johanna Van Brugger, que impartirá ademais unha conferencia.

Despois da apertura oficial, entregarase a Medalla de Ouro de Terapia Ocupacional 2019 a Begoña Polonio López, terapeuta ocupacional, xornalista, doutora en Psicoloxía e profesora titular na Universidad de Castilla-La Mancha, na que é decana da Facultad de Terapia Ocupacional, Logopedia y Enfermería. Polonio López ten experiencia clínica como terapeuta ocupacional en disfuncións físicas, dano cerebral e xerontoloxía, desenvolvida ao longo dunha década. É membro de diferentes sociedades e organismos nacionais e internacionais relacionados coa profesión e autora de numerosas publicacións científicas como “Terapia Ocupacional en Salud Mental”, “Terapia Ocupacional aplicada al Daño Cerebral Adquirido", “Terapia Ocupacional en la Infancia: Teoría y práctica”. “Terapia Ocupacional en Discapacitados Físicos: Teoría y Práctica” e “Terapia Ocupacional en Geriatría: 15 Casos Prácticos” entre outros libros.

A continuación, intervirá a presidenta de Cotoga, Andrea Alonso, que falará sobre “Universidade e organizacións profesionais: Reflexións sobre o impulso común da profesión desde as organizacións profesionais e a universidade e Situación actual da terapia ocupacional en Galicia”. Despois desta intervención, a profesora Marta Pérez de Heredia Torres da Universidad Rey Juan Carlos, presidenta da Sociedade Científica Nacional de Terapia Ocupacional e presidenta da Conferencia Nacional de Decanos de Terapia Ocupacional de España, falará sobre “Universidade e investigación nacional: Alianzas nacionais nos eidos da formación universitaria e da investigación científica e Experiencias e reflexións sobre o crecemento conxunto da formación universitaria e da investigación en terapia ocupacional a nivel nacional”.

Con intervención da profesora Doutora Honoris Causa pola UDC e Medalla de Ouro de Terapia Ocupacional, Johanna Elisabeth Van Bruggen da Dalhousie University, sobre “Universidade e estratexia internacional: Desafíos, retos futuros e novos horizontes para o desenvolvemento da terapia ocupacional no contexto internacional” pecharanse, xunto co discurso do reitor, os actos de celebración do vinte aniversario desta titulación única en Galicia.

Os graos en Terapia Ocupacional e Socioloxía foron os primeiros títulos de grao da Universidade da Coruña en adaptarse ao espazo europeo de educación superior.

Desde hai vinte anos saíron deste centro uns mil titulados en Terapia Ocupacional que desenvolven a súa actividade profesional en centros públicos e privados atendendo a temas de dependencia, discapacidade, menores e outros que tratan tanto desde o punto de vista da saúde como da participación na comunidade xa que é unha titulación sociosanitaria. Ao longo deste tempo, a Facultade de Ciencias da Saúde, na que se imparte este título, tivo como decanos ao profesor Jorge Teijeiro Vidal, Sergio Santos del Riego e, desde 2017, á profesora Adriana Ávila Álvarez.

 

 

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC