Reunión do reitor coa comunidade da Facultade de Socioloxía

Nota de prensa

21/02/17 13:51

  • Institucional
Reunión do reitor coa comunidade da Facultade de Socioloxía

A Coruña, 21 de febreiro de 2017.- Dentro do plan de visitas que o reitor, Julio Abalde, está efectuando a todos os centros da Universidade da Coruña, o pasado martes estivo na Facultade de Socioloxía xunto co vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya.
O reitor comezou a súa intervención explicando os dous retos que enfronta a UDC este ano. Por un lado, académicos, coa revisión das titulacións e, polo outro, e ligado ao anterior, a identificación das áreas de relevancia do campus da Coruña para conseguir unha especialización. No que atinxe á revisión dos títulos, Abalde lembrou que o título de Socioloxía foi, xunto con Terapia Ocupacional, o primeiro en adaptarse á nova estrutura de Grao. “Sodes os que tedes máis experiencia neste sentido”, recoñeceu o reitor aos profesores presentes, e este é un “bo momento para revisar cómo están funcionando os graos e os mestrados, non só en canto ás competencias dos títulos senón tamén en tanto a metodoloxías docentes”. O reitor sinalou que este labor é competencia de todo o claustro de profesores de cada centro coa participación do persoal de administración e servizos e do estudantado.
Por outro lado, o reitor indicou que nestes momentos se están a analizar as fortalezas da Universidade da Coruña para identificar aquelas áreas máis potentes en que o Campus de Coruña poida ser unha referencia nacional e internacional. Do mesmo xeito que se fixo co Campus de Ferrol que se especializou como Campus Industrial, preténdense atopar unhas liñas de especialización que diferencien á UDC con respecto ás universidades máis próximas. “Sen perder de vista que somos unha universidade xeralista con todas as áreas de coñecemento”, puntualizou Abalde. A especialización do Campus coruñés permitirá, ademais contar con financiamento adicional ao establecido no Plan de Financiamento do Sistema Universitario Galego en vigor ata 2020 e que, ao segundo ano de funcionamento, estase a ver que non responde como debería. O reitor explicou que a mellora dos indicadores estipulados no PFSUG, que está sendo notoria na UDC, non se está traducindo nunha mellora do seu financiamento. Outras vías de financiamento coas que conta a UDC, os ingresos vía proxectos competitivos, non alixeran os gastos da Universidade porque son ingresos finalistas vinculados a proxectos determinados. Sobre o caso do mecenado, o reitor destacou que aínda sendo un aporte minoritario, a UDC conta co importante apoio de Inditex en programas como InTalent para captar investigadores de referencia internacional.
O decano, Antón Álvarez Sousa, abriu a quenda de intervencións apuntando que a revisión de titulacións proposta polo reitor é un tema “moi interesante, pois nesta facultade tense debatido moito se facer un título máis xeralista ou máis especializado” así como, engadiu Álvarez, buscar un dobre grao con outras universidades. O reitor declarou que, na súa opinión, a característica xeralista do Grao en Socioloxía é a correcta e que a especialización ten que vir no mestrado. A opción de ter un dobre título é “interesante” e non se considera un novo grao no SUG polo que non precisaría autorización da Xunta. Unha das profesoras presentes sinalou as dificultades que para os investigadores ten concorrer cos seus proxectos a convocatorias europeas de investigación pola complexidade dos procesos e pediu un maior fortalecemento da OTRI da UDC, que aínda traballando moito e moi ben precisan dun reforzo de persoal. O reitor recoñeceu a mellora da xestión da OTRI pero sinalou que nos proxectos europeos hai “un problema de escala”. “Podemos mellorar a OTRI pero a nosa estrutura non nos permite chegar á situación das universidades catalás, por exemplo, que teñen apoio institucional da Generalitat en Bruxelas”, explicou Abalde. A UDC conta cunha oficina e un representante en Bruxelas pero debería ter unha estrutura estatal de apoio “que fixese lobby e nos facilitase o traballo”. Neste punto o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia apuntou unha nova convocatoria aberta de LaCaixa moi interesante á que se poden acoller os investigadores da UDC e que se chama “Impulso”.
Preguntado o reitor sobre o Estatuto do docente, Abalde comentou a existencia dun borrador pero que, en todo caso, na UDC xa se tomaran medidas para reducir o impacto negativo que se estaba producindo co decreto de dedicación do profesorado. Sobre a estabilidade docente, Abalde cualificou a taxa de reposición de “lastre” pero asegurou o seu compromiso “co mantemento do plantel de profesorado”.
Sobre as datas das Probas de Acceso á Selectividade polas que se interesaron os docentes, indicouse que neste curso non se cambiará a convocatoria de setembro a xullo, modificación demandada historicamente polas universidades para adaptar os calendarios académicos sen prexuízo para os novos alumnos, pero que se espera que se faga o próximo ano.
Outra das intervencións volveu de novo sobre o tema da oferta académica diferenciada da UDC, que foi a primeira en implantar os dobres graos en Galicia cos títulos de ADE e Dereito e que están funcionando tan ben que agora son habituais en todo o Sistema. Mesmo lembrou o reitor que Dereito oferta un dobre grao coa universidade de Delaware, de Estados Unidos, na que reciben con moito agrado aos estudantes da UDC polo seu bo nivel de formación. No que respecta aos mestrados, a UDC “ten unha oferta moi equilibrada porque presentamos uns títulos moi razoables”.
Unha das docentes introduciu un interesante debate sobre as funcións do profesorado, se debería haber perfís distintos de docente e de investigador ao que o reitor respondeu que non. “Temos que dar boa docencia porque somos docentes e temos que facer boa investigación”, afirmou rotundo. Abalde recoñeceu que hai que dignificar o labor docente porque co cambio de sistema a graos, mídese o traballo do alumno en créditos ECTS que contan o labor do estudante dentro e fóra das clases pero ao profesor só lle conta o que pasa nas aulas. “As universidades españolas son moi eficientes e de calidade. Todo o Sistema Universitario Español está entre as mil mellores universidades do mundo cun financiamento dez veces menor que o sistema norteamericano”, valorou o reitor.
Para finalizar o encontro coa comunidade universitaria da Facultade de Socioloxía, Abalde agradeceu a asistencia do alumnado e animouno a participar en todas as decisións universitarias, a facer chegar as súas opinións para a mellora da UDC, así como a ser belixerantes na defensa dos seus intereses.
 

Publicado por: Gabinete de comunicación