R e as universidades da Coruña e Vigo referendan a Cátedra R en Ciberseguridade, que inclúe desta volta a promoción de tecnoloxías intelixentes aplicadas ao negocio

Nota de prensa

13/11/25 10:57

  • Institucional

 

  • Os reitores das dúas universidades e o director de R e de MasOrange en Galicia xa asinaron o convenio para renovar a Cátedra R en Ciberseguridade, pioneira en Galicia cando se creou hai sete anos

 

  • O novo curso da Cátedra R 2025 botou a andar onte cunha cita de titores e alumnos nas oficinas do operador galego para coñecérense e pór en marcha os novos proxectos

 

  • As actividades da Cátedra R incorporan o fomento da investigación e innovación en tecnoloxías intelixentes e proxectos orientados á súa aplicación práctica no mundo da empresa

 

  • Recentemente entregáronse os premios da Cátedra R en Ciberseguridade para destacar os mellores TFG, TFM, Tese Doutoral e Traballo de investigación con empresa do pasado exercicio

A Coruña, 13 de novembro de 2025.- A Cátedra R en Ciberseguridade continúa a súa andaina logo do acordo revalidado por Ricardo Cao, reitor da Universidade da Coruña (UDC), Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo (UVigo), e Alfredo Ramos, director de R e de MasOrange en Galicia. O convenio, por catro anos prorrogables, ratifica a colaboración de xeito conxunto das institucións académicas co operador galego no ámbito da seguridade dixital.

 

Pioneira hai sete anos para avanzar en Ciberseguridade ao compás da dixitalización, a Cátedra R retoma os seus grandes obxectivos: captar talento TIC en informática, Intelixencia Artificial aplicada ao negocio e Ciberseguridade, sen esquecer os referentes da formación, investigación, transferencia tecnolóxica e divulgación. E dende agora porase unha énfase especial no fomento da innovación en tecnoloxías intelixentes e en proxectos orientados á súa aplicación práctica no mundo da empresa.

 

Novas bolsas para proxectos TIC e inicio do curso nas oficinas de R

As prácticas curriculares e extracurriculares en R (do grupo MasOrange) son outro dos capítulos esenciais da Cátedra R en Ciberseguridade. Trátase de bolsas anuais para a Facultade de Enxeñaría Informática da UDC e para a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo dirixidas a estudantes de Grao e de Máster, que poden incluír a realización do Traballo de Fin de Grao ou de Fin de Máster (TFG ou TFM). A idea é capacitar profesionalmente o alumnado facendo esas prácticas en R baixo a dirección e supervisión dun/a titor/a académico/a do centro onde realizan os seus estudos.

 

De feito, un 70 % da dotación económica da Cátedra R destinarase a bolsas e prácticas, e o 30 % restante a actividades de visibilidade, divulgación e fortalecemento institucional.

 

Co fin de dar a saída a esta nova etapa, onte reuníronse nas oficinas de R o alumnado e os/as titores/as da Cátedra R en Ciberseguridade para unha primeira toma de contacto cos proxectos que van desenvolver nos vindeiros meses.

 

Premios da Cátedra R, actividades e eventos pioneiros

Ao fío do proxecto, hai uns días entregáronse na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela os premios da Cátedra R en Ciberseguridade, que destacaron traballos de Fin de Grao (TFG) e de Fin de Máster (TFM) relacionados, por exemplo, coa vulnerabilidade dos dispositivos IoT, os sistemas de autenticación dixitais ou de acceso por radio aberta, etc.

 

En suma, a Cátedra R consolidouse xa como referente en Galicia, organizando eventos pioneiros como cybersec@gal e integrándose en ciber.gal a partir de 2021. Ademais, participa en obradoiros e iniciativas como Talento Ciber, XoveTIC, C3TF, CTFv2, JNIC e Hacking nivel MEGA, ou nas Olimpíadas Teleco e proxectos STEM Bach. A Cátedra R promove tamén retos de innovación, xornadas tecnolóxicas e publicacións científicas e divulgativas, afianzando unha alianza público-privada para adaptar o talento universitario ás necesidades reais das empresas e administracións.

 

As cifras

+500 estudantes en actividades formativas e divulgativas.

+20 accións divulgativas (charlas, hackathons, mesas redondas).

+15 premios académicos entregados (TFG, TFM, Teses).

4 contratos indefinidos xerados a partir de prácticas curriculares.

+150 participantes na competición C3TF 2024.

265 estudantes nas Olimpíadas Teleco 2024.

Máis de 200 estudantes STEM-Bach en actividades preuniversitarias.

 

O reitor da UVigo, Manuel Reigosa incidiu na importancia da continuidade da Cátedra ao tempo que avaliou moito “a incorporación ás súas actividades do fomento da investigación e innovación en tecnoloxías intelixentes e proxectos orientados a súa aplicación práctica no mundo da empresa”. Logo de sete anos de existencia, Reigosa gabou a iniciativa que xunto a R e á UDC traballa a prol da captación de talento TIC en informática, IA aplicada ao negocio e ciberseguridade e con especial atención “á formación, investigación, transferencia tecnolóxica e divulgación”.

 

Á súa vez, o reitor da UDC, Ricardo Cao, destacou o papel da Cátedra R nunha área tan relevante para a Universidade da Coruña como as TIC, onde contan con centros de referencia como o CITIC, co seu gran potencial investigador. Un ámbito que se reforza con proxectos na Cidade das TIC na Coruña.

 

Pola súa banda Alfredo Ramos, director de R e MasOrange en Galicia, subliñou que “para R é unha magnífica noticia renovar por máis catro anos esta alianza estratéxica coas universidades da Coruña e Vigo. A Cátedra R en Ciberseguridade marcou un antes e un despois na colaboración entre o mundo académico e o sector das telecomunicacións galegas e agora dá máis un paso ao incorporar tecnoloxías intelixentes aplicadas ao negocio e outros ámbitos TIC de interese para empresas e administracións. Esta evolución non sería posible sen a implicación constante dos directores de cátedra, que foron clave para consolidar un modelo de traballo conxunto centrado na formación, a investigación e a transferencia tecnolóxica. Seguimos apostando por adaptar o talento universitario aos retos reais do mercado, fomentando a innovación e a capacitación en ciberseguridade e en novas tecnoloxías emerxentes”.

20251113 Convenio UDC UVigo R 2

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC