Protocolo de actuación ante los casos de la covid-19 en la UDC

25/04/22 12:31

  • Covid-19

1. Introdución

O novo contexto epidemiolóxico caracterizado por unha diminución dos casos graves e da letalidade asociada ao SARS-CoV-2, debido en grande parte á elevada cobertura vacinal acadada na poboación, orixinou un cambio na estratexia de vixilancia e control da pandemia cara unha estratexia que dirixa as actuacións a persoas e ámbitos de maior vulnerabilidade e monitorice os casos de COVID-19 graves e nos casos anteriormente citados, aceptando un nivel controlado de transmisión en grupos menos vulnerables. Ante esta nova situación epidemiolóxica e de inmunidade da poboación, o Consello de Ministros aprobou o 19 de abril, o Real Decreto 286/2022 polo que se modifica a obrigatoriedade do uso de máscaras durante a situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 e polo que o uso de máscaras deixa de ser obrigatorio en espazos interiores, salvo algunhas excepcións.

A cultura de protección non só individual senón tamén colectiva, debe continuar ante esta nova estratexia co fin de protexer ás persoas vulnerables e é por este motivo que o emprego da máscara segue a ser útil para axudar a diminuír o risco de infección destas persoas.

2. Situacións nas que se recomenda manter o uso da máscara

Neste contexto normativo no que a máscara non resulta obrigatoria é especialmente relevante lembrar a importancia de manter o resto de medidas de protección que, ao longo da pandemia, téñense amosado eficaces. Así, a hixiene de mans, a ventilación e evitar as aglomeracións seguen a ter un alto valor protector. Con todo, débese ter en conta que nos centros pode haber poboación vulnerable entre o alumnado e o persoal docente e non docente, polo que a máscara resulta nestes colectivos vulnerables particularmente recomendable.

En resumo, con carácter xeral, o uso da máscara en interiores será VOLUNTARIO, aínda que:

  • Recoméndase o seu uso en espazos pechados sen ventilación, nos que as persoas non poidan garantir a distancia interpersoal de 1,5 metros (aulas, bibliotecas, talleres, salas de reunións, despachos, salóns de graos, etc.).
  • Recoméndase para todas as persoas cunha maior vulnerabilidade ante a infección pola Covid-19, que se manteña o uso da máscara en calquera situación na que se teña contacto prolongado con persoas a distancia menor de 1,5 metros.
  • Será obrigado o seu uso nas instalacións que teñan a consideración de establecementos sanitarios.

Polo tanto, segue a ser RECOMENDABLE o uso da máscara no interior dos edificios tanto por parte do alumnado coma dos/as traballadores/as do centro.

3. Casos sospeitosos e confirmados de COVID-19 e contactos estreitos

Recoméndase especialmente para casos sospeitosos e confirmados de COVID-19 e contactos estreitos de casos o uso de forma constante da máscara e evitar actividades que impliquen quitala sen manter a distancia de seguridade de 1,5 metros con outras persoas (Ex.: comer ou beber en presenza doutras persoas). O uso da máscara nestas situacións debe ir acompañado doutras medidas de prevención como evitar o contacto con persoas de grupos vulnerables e reducir todo o posible as interaccións con outras persoas. Estas recomendacións deberán aplicarse durante 10 días dende inicio de síntomas, dende o diagnóstico (no caso de persoas asintomáticas) ou dende a data do último contacto (no caso de contactos estreitos).

En calquera caso debe lembrarse a recomendación xeral de non asistir aos centros se a sintomatoloxía inclúe cadros febrís e contactar coas autoridades sanitarias co fin de que lle indiquen como proceder.

Polo tanto, neste novo escenario o Protocolo de actuación de comunicación de casos e corentenas é o seguinte:

Positivo por proba diagnóstica de infección activa (test antíxenos, PCR,...) e contacto estreito cun positivo.
Non hai illamento domiciliario, será o médico de familia o que determine as pautas de actuación para cada paciente, en función da vulnerabilidade, da sintomatoloxía e das probas que o facultativo considere oportunas.

Información

TODOS/AS
Podes contactar co teléfono 881 540 045, do teu centro de saúde ou médico de familia, ou a través da web do Sergas ou da APP sergas móbil e seguir as súas instrucións e recomendacións.

ALUMNADO
Se os síntomas non che permiten acudir ao centro, informa ao profesorado da túa ausencia e presenta o xustificante médico correspondente.

PERSOAL
Se os síntomas non che permiten acudir ao centro, informa aos teus responsables da túa ausencia e presenta o baixa médica por incapacidade temporal no servizo correspondente.

Publicado por: Reitoría