A Coruña, 27 de xullo de 2021.- O pasado 14 de xullo inaugurouse a exposición “Galicia Futura” no Museo Gaiás de Santiago de Compostela. Nesta, non só contamos coa presenza de Déborah Bello como comisaria do proxecto e con Moisés Canle dentro do consello científico, senón que unha das pezas expostas pertence aos investigadores do grupo QUIMOLMAT do CICA da UDC, quen quixeron compartir as particularidades dun material de síntese propia: a perovskiña.
Nesta entrevista para Radio Galega, dous dos autores, que ademais figuran como directores da peza artística, Socorro Castro e Juan Bermúdez, convidan a todos os radiooíntes a pasar unha agradable mañá na exposición e probar a “báscula barocalórica” que instalaron alí como mostra das propiedades da perovskiña. Explican que se trata dun material que ao ser presionado é capaz de absorber temperatura. A investigadora destaca que as aplicacións deste material de nova síntese son prometedoras, por exemplo, podería substituír os gases tóxicos utilizados en máquinas de refrixeración.
Durante a entrevista tratan outros temas: o statu quo da investigación en Galicia, a falta de recursos para a ciencia en España ou a importancia da divulgación científica como ferramenta de transferencia de coñecemento á sociedade.
Na exposición "Galicia Futura" pódese visitar unha segunda peza do mesmo grupo. Trátase dunha escultura de porcelana construída cunha impresora 3D en colaboración co escultor Antoine Desjardins.
A entrevista completa en Radio Galega, 19/07/2021
Máis información sobre “Galicia Futura” nesta ligazón.
.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC