O grupo de investigación da UDC BioCost estudará os bosques mariños de laminariais do contorno do Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia

Nota de prensa

6/03/20 12:03

  • Institucional

A Coruña, 6 de marzo de 2020.- O grupo de investigación da Universidade da Coruña Bioloxía Costeira, BioCost, formado por profesorado da Facultade de Ciencias e coa sede no Centro de Investigacións Científicas Avanzadas, CICA, lidera unha investigación sobre os bosques de laminariais no Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia.

A través dunha convocatoria de axudas para a conservación da biodiversidade mariña en España, a Fundación Biodiversidad, do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, cofinanciará este proxecto de investigación que dirixe o catedrático da UDC, Rodolfo Barreiro, sobre o estado de conservación dun hábitat clave do litoral atlántico europeo como son os bosques de laminariais que conta cun orzamento total de 118.000 euros.

As laminarias son algas perennes, que poden chegar a vivir ata once anos, formadoras de hábitat nos ecosistemas rochosos das costas do Atlántico. As zonas en que estas algas son moi abundantes coñécense como bosques de laminariais e forman zonas de refuxio, fogar e alimento para moitas especies, a maior parte delas de gran importancia económica para pesqueirías artesanais como os polbos, as centolas ou as nécoras.

En Galicia, estes bosques son moi abundantes pero nos últimos anos están a diminuír. A súa desaparición podería desequilibrar o ecosistema e tería graves consecuencias para todos os organismos que viven nestes bosques. A pesar do seu valor e das evidencias de declive noutros lugares, o seu estado de conservación e as implicacións socio-económicas do seu declive non foron aínda avaliadas no Atlántico peninsular. Durante os dous anos de execución do proxecto, o grupo BioCost buscará cubrir estes baleiros no coñecemento combinando campañas de monitorización biolóxica con estudos socio-económicos para avaliar a importancia destes hábitats para os pescadores artesanais da zona. Os traballos realizaranse no contorno do Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia, co apoio dos xestores do Parque, que esperan que a información obtida no proxecto serva para planear medidas de xestión adaptativa nestes hábitats.

O grupo BioCost traballa desde o ano 2012 en diferentes proxectos no medio mariño deste parque nacional, nas illas Cíes concretamente. Isto fai que teñan xa un coñecemento moi amplo sobre como foron evolucionando os fondos mariños das Cíes desde entón. De 2016 a 2018, BioCost colaborou nun proxecto do CSIC-IIM de Vigo caracterizando o hábitat dos cabaliños de mar e peixes pipa nas Cíes. Foi durante estas mostraxes que os membros do grupo de investigación da UDC observaron que a desaparición dos bosques de laminariais non era tal, xa que durante a primavera e o verán medraban centos de laminarias pequenas que desaparecían no outono e inverno sen coñecerse a causa. Estas observación fixéronnos pensar que podería haber causas non directas do cambio climático que poderían estar detrás disto, como o aumento de herbivoría. Ademais, por outros colaboradores, sabiamos que os bosques de laminariais da ría de Vigo estaban en bo estado, que non sucedía neles o mesmo que na illa”, explican desde o grupo BioCost. Por ese motivo, para poder comprender que sucede nas Cíes, os investigadores seleccionaron sitios na illa e fóra da illa, o que permitirá comparar os ecosistemas de ambos espazos e saber o que está a suceder.

Foto: muestreo de laminariais

 

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC