O futuro da IA é verde

Nota de prensa

25/11/25 14:19

  • Institucional
  • Máis de duascentas persoas participan hoxe e mañá no CITIC da UDC no I Simposio en Intelixencia Artificial Verde, impulsado pola Cátedra Inditex-UDC en Algoritmos Verdes. 
  • O encontro busca divulgar a importancia de desenvolver e aplicar a intelixencia artificial desde unha perspectiva de sustentabilidade. 
  • Especialistas de distintos ámbitos abordarán diferentes enfoques, retos e casos de éxito para ofrecer unha visión completa desta tecnoloxía responsable.

A Coruña, 25 de novembro de 2025.- Nun momento no que a IA promete optimizar desde redes enerxéticas ata sistemas agrícolas, esa mesma tecnoloxía impón un dilema: Como reconciliar o seu avance coa urxencia climática? A nova onda de «IA verde» non só busca ser intelixente, senón tamén sostible. Con esta premisa como punto de partida, comezou hoxe na Coruña o I Simposio en Intelixencia Artificial Verde, unha iniciativa impulsada pola Cátedra Inditex-UDC de IA en Algoritmos Verdes, que se celebra este martes e mércores, 25 e 26 de novembro de 2025, no CITIC da Universidade da Coruña.

Máis de 200 persoas participan neste evento, que se desenvolve en modalidade híbrida, combinando sesións presenciais e acceso virtual para participantes remotos. Na xornada de hoxe, martes, participou a secretaria de Estado de Dixitalización e IA do Goberno de España, María González Veracruz; Javier Monteoliva Díaz, secretario xeral e do Consello de Administración de Inditex; xunto ao reitor da UDC, Ricardo Cao, o director do CITIC, Manuel G. Penedo e a propia directora da Cátedra Inditex-UDC en Algoritmos Verdes, Verónica Bolón.

O simposio nace co obxectivo de crear un espazo de encontro entre comunidade investigadora, sector empresarial e institucións para abordar os desafíos actuais da intelixencia artificial desde unha perspectiva da sustentabilidade e o compromiso ambiental. Nun contexto no que o cambio climático afecta de maneira transversal ás sociedades, e no que a actividade computacional, incluíndo modelos de IA e centros de datos, representa xa unha fonte significativa de emisións de gases de efecto invernadoiro, a Cátedra aposta por un enfoque multidisciplinar e cooperativo.

A expansión da intelixencia artificial baséase en modelos cada vez máis potentes, pero tamén máis custosos en termos computacionais, opacos e intensivos en consumo enerxético. Ante a previsión de que a IA poida superar o 30% do consumo mundial de enerxía en 2030, gaña relevancia o enfoque de IA verde e responsable, que aposta por sistemas máis eficientes, con menor pegada de carbono, maior calidade e optimización dos datos, e unha transparencia que permita avaliar o seu impacto real.

Retos ambientais, sociais e éticos no seu desenvolvemento

Ao longo destas xornadas, o persoal experto abordará distintos retos, entre eles Amparo Alonso, investigadora do CITIC, quen falou sobre os desafíos medioambientais que implica a IA. Na súa intervención presentou dúas vías complementarias: o enfoque Green-In, centrado no deseño de modelos máis frugais e eficientes, e o enfoque Green-By, que analiza como a IA pode contribuír directamente á sustentabilidade social e ambiental. A través de modelos baseados en axentes, explorouse como a confianza cidadá, a comunicación institucional e a influencia social condicionan a aceptación de políticas públicas sostibles. “Esta visión integrada permite avanzar cara a unha IA verdadeiramente sostible: enerxeticamente eficiente, socialmente aceptable e orientada a xerar valor co mínimo impacto posible” sinalou a propia Amparo Alonso.

Por outra banda, a segunda intervención invitada do simposio foi a de Ricardo Vinuesa, profesor e investigador do Artificial Intelligence Group da University of Michigan, quen abordou o papel da intelixencia artificial no cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). Segundo a súa análise, a IA pode axudar a acadar 134 metas dos ODS, aínda que tamén pode dificultar 59 delas. Vinuesa destacou “a importancia de acompañar o rápido avance da IA con supervisión regulatoria e estándares éticos para asegurar que contribúa a un desenvolvemento sostible”.

Na sesión do mércores 26 intervirán Mar Santamaría Varas, arquitecta e cofundadora de 300.000 Km/s; e Jorge Castellanos Claramunt, profesor de Dereito Constitucional na Universidade de Valencia.

Premios para investigacións sobre IA e sustentabilidade

Tamén na xornada do mércores o simposio contará coa representación da Secretaría de Estado de Dixitalización e IA. David Gómez Cordero, xefe de área da Dirección Xeral, presentará o Programa Nacional de Algoritmos Verdes.

Ademais das intervencións de expertos e expertas, o encontro conta coas contribucións de investigadores, profesionais e estudantes interesados no potencial da IA para a sustentabilidade. Un total de 36 traballos presentáronse á convocatoria do simposio, 17 comunicacións e 19 pósteres, no que se recoñecerán os mellores presentados. Así, os participantes optan aos seguintes premios: Green-in, á mellor contribución sobre algoritmos enerxeticamente eficientes ou que reduzan a pegada de carbono da IA; Green-by, á mellor contribución que empregue a IA como ferramenta para a sustentabilidade ou para aplicacións con impacto positivo no medio ambiente, eficiencia enerxética ou planificación urbana; e Premio ás Implicacións Éticas, Sociais e Económicas, á mellor contribución que aborde de xeito crítico e rigoroso os aspectos éticos, sociais ou económicos vinculados aos algoritmos verdes. Estes recoñecementos entregarasen na sesión de clausura do simposio.

Sobre a Cátedra

A Cátedra UDC-Inditex de IA en Algoritmos Verdes, creada en 2023 pola Universidade da Coruña e Inditex, ten como misión impulsar a investigación, a formación e a transferencia de coñecemento en intelixencia artificial aplicada á sustentabilidade. Entre os seus obxectivos salientan o desenvolvemento de programas formativos, a promoción da innovación e da cooperación público-privada, a valorización dos resultados da investigación e a difusión científica. Conta con financiamento público competitivo do Ministerio de Transformación Dixital e da Función Pública, destinando 900.000 euros a través das Axudas Cátedras ENIA, con fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, e tamén privado do Grupo Inditex. A cátedra susténtase na sólida traxectoria da UDC en IA, consolidada desde finais dos anos 80 e fortalecida coa creación do CITIC, e no compromiso de Inditex coa innovación e a sustentabilidade, destacando os seus obxectivos ambientais cara ás emisións netas cero en 2040.

Sobre o CITIC

O CITIC é un centro de investigación que impulsa o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia Artificial; Ciencia e Enxeñaría de Datos; Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes, así como nunha área de investigación transversal a todas elas: a de Ciberseguridade.

O CITIC está acreditado como Centro de Excelencia e membro da Rede CIGUS para o período 2024-2027, o que avala a calidade e o impacto da súa investigación. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e nun 60% pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2021-2027, co obxectivo temático de promover “unha Europa máis intelixente: transformación económica innovadora e intelixente” (ED431G 2023/01).

 

 

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC