A Coruña, 18 de abril de 2024.- A Sala Cloud do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña acollerá o vindeiro martes, día 23 de abril, ás 17.30 horas, un novo taller do ciclo HumanIA UDC, organizado polo Consello Social e a Facultade de Humanidades da UDC en colaboración co centro de investigación.
Baixo o título ‘Perfís profesionais: Humanidades e IA’, a experta en lingüística, tecnoloxía e diversidade, Cristina Aranda, cofundadora de Big Onion e Mujeres Tech, explicará as claves da cooperación entre perfís profesionais diversos e por que é fundamental a súa interacción para o futuro e presente da IA. Aranda trasladará, de maneira práctica, como abordar as regulacións e os códigos éticos específicos que abrangue esta tecnoloxía, nos que resulta clave a colaboración de perfís diversos en identidade, formación e experiencia.
Éxito de asistencia
Máis de 400 persoas asistiron de maneira presencial aos talleres prácticos HumanIA UDC, nos que se reflexionou sobre aspectos tan relevantes como a regulación da Intelixencia Artificial, o uso no mercado laboral de Chat GPT e outras aplicacións, ou a maneira de impulsar a creatividade con esta nova tecnoloxía en profesións artísticas ou relacionadas coa comunicación audiovisual, musical e de márketing.
‘HumanIA UDC: O desafío para as Humanidades en tempos da Intelixencia Artificial’, lanzado no pasado mes de setembro, ten como obxectivo mostrar o impacto e a potencia da Intelixencia artificial nos estudos e nos postos de traballo relacionados coas Humanidades.
Máis información e inscricións aquí.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC