O Campus de Ferrol acolle desde o luns a exposición “Pintámo-lo mundo” cedida por ASPANEPS para conmemorar o Día Mundial da Xustiza Social

Nota de prensa
14/02/20 14:34
  • Institucional

Ferrol, 14 de febreiro de 2020.- A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla Fernández, e a presidenta da Asociación de Pais de Nenos con Problemas Psico-Sociais (ASPANEPS), Elena Rodríguez Seoane, inauguran, este luns 17 de febreiro, ás 12:30 horas, na Sala Anexa ao Salón de Actos Concepción Arenal do Campus de Ferrol, a exposición “Pintámo-lo mundo” resultado dun proxecto de colaboración levado a cabo entre as persoas integrantes da asociación e o fotógrafo Gabriel Tizón. A mostra poderase visitar, de xeito totalmente gratuíto, ata o venres 28 de febreiro.

Está previsto que tamén asistan á inauguración a coordinadora do Programa Green Campus Ferrol, Carmen Coronado Carvajal, a técnico da Oficina de Cooperación e Voluntariado, Vanessa Míguez Martín, e varios dos socios e persoal técnico de ASPANEPS.

A exposición enmárcase dentro programa de actividades “Febreiro pola Xustiza Social” que organiza a Oficina de Cooperación e Voluntariado da Universidade da Coruña co gallo da conmemoración do Día Mundial da Xustiza Social o vindeiro xoves 20 de febreiro.  A través desta iniciativa, a OCV quere sumarse aos esforzos das Nacións Unidas e doutros organismos nacionais e internacionais para apoiar accións encamiñadas a erradicar a pobreza, promover a igualdade entre sexos, ou mellorar o acceso ao benestar ou á xustiza para todas e todos.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC