Ferrol, 26 de novembro de 2025.- O Campus de Ponferrada, pertencente á Universidad de León, acolle, este martes 25 e mércores 26 de novembro, as I Xornadas Nacionais de Campus Periféricos, un evento que reúne na capital da Comarca do Bierzo a persoas representantes de preto de 20 universidades de toda España, figurando entre elas as tres universidades públicas galegas, a Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Universidade de Vigo (UVigo) e a Universidade da Coruña (UDC).
Tal e como recolle o programa da xornada, ao logo destes dous días, afondarase nos principais retos aos que se enfrontan os campus periféricos, os modelos e estruturas de xestión, a comunicación dentro das universidades ou mesmo as oportunidades existentes en materia de financiación. O obxectivo non é o outro que o de xerar un espazo de reflexión e diálogo que permita compartir experiencias e boas prácticas, reforzando a importancia destes campus singulares como motores de cohesión social e desenvolvemento territorial.
As tres universidades públicas galegas están representadas pola vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, acreditado como Campus Industrial de Ferrol, Ana Ares; polo vicerreitor de Organización Académica e do Campus de Lugo, acreditado como Campus Terra, Francisco José Fraga; polo vicerreitor do Campus de Ourense, acreditado como Campus Auga, Francisco Javier Rodríguez; e máis pola vicerreitora do Campus de Pontevedra, Eva María Lantarón.
Tamén asistiron persoas representantes dos campus periféricos de Alcoy (Universitat Politècnica de València), de Ávila (Universidade de Salamanca), da Bahía de Algeciras (Universidad de Cádiz), de Ceuta e Melilla (Universidad de Granada), de Igualada (Universidad de Lleida), das Terres de l´Ebre (Universitat Rovira i Virgili), de Menorca (Universidad de las Islas Baleares), de Jaén (Universidad de Jaén), de Jérez (Universidad de Cádiz) ou de Segovia (Universidad de Valladolid), entre outros.
O primeiro campus de especialización acreditado do Sistema Universitario de Galicia (SUG)
O Campus Industrial de Ferrol, pertencente á Universidade da Coruña (UDC), renovou, en decembro de 2023 e por un período de catro anos, ata 2028, o seu Selo de Excelencia como o primeiro campus especializado do Sistema Universitario de Galicia (SUG), un recoñecemento de calidade impulsado pola Xunta de Galicia que ten como obxectivo fortalecer as estruturas dos campus non centrais aproveitando as súas potencialidades e facéndoos máis competitivos e especializados.
Desde o seu nacemento, en 2015, o Campus Industrial de Ferrol basea a súa especialización en seis liñas estratéxicas: a robótica industrial; os materiais; a optimización de procesos; a enxeñaría naval e offshore; a xestión industrial e o desenvolvemento de produto. De cara aos vindeiros anos, o reto céntrase en incorporar novas liñas de investigación vinculadas aos eidos da enxeñaría eléctrica e electrónica, das telecomunicacións e da informática, así como en liderar a investigación nivel nacional no campo da fabricación aditiva e da industria 4.0.
Foto: de esquerda a dereita, o vicerreitor do Campus de Ourense, Francisco Javier Rodríguez; a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares; o vicerreitor de Organización Académica e do Campus de Lugo, Francisco José Fraga; e a vicerreitora do Campus de Pontevedra, Eva María Lantarón.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC