O CITIC e o CICA da Universidade da Coruña participan na Open Science de Cambre  

Nota de prensa

19/09/25 14:05

  • Institucional
  • CICA e CITIC; dous dos centros de investigación da Universidade da Coruña, súmanse este domingo ao evento Open Science de Cambre, onde presentará diversas actividades para todos os públicos.

 

A Coruña, 19 de setembro 2025.- O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) e o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña, estarán presentes este ano na Open Science de Cambre, que terá lugar desde hoxe e durante toda a fin de semana no parque da Igrexa de Iglesia de Santa María desta localidade coruñesa.

 

No caso do CITIC, o centro de investigación centrarase na presentación de diversas actividades orientadasá accesibilidade tecnolóxica. Durante a xornada do domingo, entre as 11 e 13,30 horas desenvolveranse propostas innovadoras vinculadas ao uso da tecnoloxía como ferramenta de inclusión. Así, o investigador Jerónimo José Pardo Rodríguez realizará xogos para o traballo de habilidades cognitivas en persoas con discapacidade intelectual mediante realidade virtual. 

 

Pola súa banda, Paula de Santos Dorrego levará a cabo a actividade Switch, Mario Kart con adaptación para o manexo de mando a través do tronco ou da cabeza. Mentres, Jorge Rivadulla Brey será o encargado dos xogos personalizados para o ámbito das persoas con discapacidade: “Compra con-migo».

 

Finalmente, Javier Pereira Loureiro e Irene Brage Vázquez ofrecerán unha demostración de pintura cun produto de apoio de cabeza, así como unha exposición dos retos tecnolóxicos do programa Talentos Inclusivos, entre os que se inclúe un taboleiro de pictogramas elaborado mediante impresión 3D.

 

No caso do CICA, tamén o domingo na sesión de mañá, a investigadora Natalia Mallo, do grupo GIBE, desenvolverá unha actividade de divulgación na que conectará a parasitoloxía molecular con técnicas plásticas para achegar a ciencia ao público xeral e, en concreto, aos máis pequenos da casa. Baixo o título “Parasitología molecular para principiantes: conectar arte e a ciencia como clave para atraer ao público”, Mallo explicará de maneira visual e participativa como funcionan os principais orgánulos dunha célula parasitaria, empregando a metáfora dunha caravana para ilustrar o estilo de vida do Toxoplasma gondii. As persoas asistentes poderán crear a súa propia representación artística do parásito mediante selos e outras técnicas de impresión, ao tempo que aprenden como estes organismos poden infectar as células humanas e afectar as súas funcións.

 

Con esta participación, o os dous centros de investigación da UDC reforzan o seu compromiso coa divulgación científica, achegándoa a todos os públicos.

CITIC_A9A1601 (2) 1 (1) (1)

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC