A Coruña, 3 de novembro de 2025.- O Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC) celebrou recentemente a súa cuarta xornada anual baixo o título “Investigando para un futuro sen lumes”, un encontro que reuniu a persoal investigador das tres universidades galegas co obxectivo de analizar os incendios forestais desde unha perspectiva transdisciplinar e repensar o territorio galego máis alá da extinción.
Durante a sesión, destacouse a necesidade de abordar os incendios non como feitos illados, senón como un síntoma dun modelo de desenvolvemento territorial e social en crise. As intervencións puxeron de manifesto que os lumes son o resultado de múltiples procesos interconectados —como o abandono rural, a desagrarización, a perda de prácticas tradicionais ou o impacto das políticas forestais e industriais— que requiren unha resposta integral e coordinada.
O debate fixo fincapé, ademais, na falta de memoria colectiva e institucional sobre os incendios. Cada verán multiplícanse as imaxes da traxedia, pero o resto do ano desaparece o debate sobre a prevención, a ordenación do territorio e o papel das comunidades locais. Nesa liña, as persoas participantes subliñaron a urxencia de establecer espazos de diálogo e cooperación que permitan reconstruír o vínculo co monte e avanzar cara a unha nova forma de habitar e gobernar o territorio, configurando espazos rurais máis sostibles e menos vulnerables.
Desde ámbitos como a historia, a economía, a enxeñaría ou a botánica, o encontro reafirmou a importancia de integrar coñecementos e experiencias diversas para imaxinar colectivamente un futuro sen lumes.
Coa celebración desta xornada, o CISPAC renova o seu compromiso de poñer o coñecemento xerado na academia ao servizo da cidadanía e das administracións públicas, favorecendo espazos de reflexión compartida que contribúan á protección e revitalización do territorio galego.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC