A Coruña, 10 de abril de 2025.- O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña, que forma parte da Rede CIGUS, a cal integra a aqueles centros cuxa calidade e impacto de investigación foi acreditada pola Xunta de Galicia, deu a coñecer este xoves os resultados obtidos no 2024 nunha xornada que serviu tamén para explicar os diferentes proxectos nos que está inmerso o persoal investigador do CICA.
Jaime Rodríguez, director do CICA, xunto ao reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, abriron o acto, seguido dunha presentación realizada pola subdirectora do centro, María Isabel González.
Entre as conclusión a subliñar, o CICA pasou, no último ano, a unha nova fase de consolidación como centro de excelencia tras a súa incorporación o pasado ano na rede CIGUS. Un fito que supón maiores retos e obxectivos máis ambiciosos. Nese camiño, o centro está a afianzar o seu liderado incrementando o número de proxectos internacionais, e, polo tanto, aumentando a súa financiación. Do total de proxectos obtidos o pasado ano, tres deles son europeos, pertencentes a convocatorias de Horizonte Europa (Dryad, Flufet e unha ERC-CoG) e liderados por grupos do centro.
Esta última dotación, a ERC, sumouse ao centro grazas á incorporación do investigador Daniel Nieto, quen recibiu unha Consolidator Grant outorgada polo Consello Europeo de Investigación (ERC) con 2 millóns de euros, que axudará a impulsar a biofabricación e bioimpresión 3D de tecidos e órganos artificiais, traballo que se leva a cabo dende o grupo Advanced Biofab.
A consecución destes proxectos é un fito para o centro e, en extensión para a UDC, segundo salientou o reitor, Ricardo Cao, que incidiu en que este é o camiño a seguir. “Estes resultados -subliñou- fainos seguir traballando nesta liña de excelencia e calidade para acadar máis e mellores iniciativas no eido da investigación”.
En total, en 2024, os proxectos internacionais obtiveron un financiamento de máis de 6 millóns de euros. Actualmente, o CICA conta con máis dun centenar de proxectos de investigación activos.
En canto á captación de talento, o CICA incorporou no último ano cinco investigadores Ramón y Cajal máis, elevando a cifra total do centro a 15: Luis Varela e María Elena Rodríguez, do grupo FeMCa; Jessica García, do grupo Metal4Bio; Pablo Pita, do grupo Gibe; e Aurora Rodríguez, que lidera o grupo Cas4MI. Unhas incorporacións que o reitor destacou como “moi relevantes”, para un dos centros de Galicia que conta con máis investigadores Ramón y Cajal.
Polo que respecta á produción científica, as cifras foron similares ás do anterior ano, alcanzando os 177 artigos científicos publicados, dos cales un 30% atópanse entre as revistas mellor valoradas, cun CiteScore superior a 10.
Pola súa banda, o director do CICA, Jaime Rodríguez, salientou a política de igualdade do centro, no que un 56% do persoal son mulleres Destacou tamén a aposta por unha ciencia accesible, con máis publicacións abertas ao público (Open Access) e apoiando proxectos de divulgación, que achegan a ciencia á cidadanía, como é o caso de Incrústate, vixente na actualidade e que acolle 17 estudantes entre os grupos de investigación para fomentar a vocación científica.
Finalmente, premiáronse as mellores publicacións en aberto de 2024: dentro da área de Alimentación, Contaminación e Saúde ao grupo Grica; dentro da área de Biomedicina, ao grupo GIR-S; e dentro da área de Nanociencia e Materiais avanzados ao grupo UDCSolidos.
Sobre o CICA
O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) creouse en 2015 como un centro de investigación de ciencias avanzadas que conta con máis de 200 investigadores e investigadoras pertencentes a tres áreas científicas: Biomedicina; Alimentación, Contaminación e Saúde; e Nanociencia e Materiais Avanzados.
Desde 2024, o CICA conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación.
A excelencia investigadora, a transferencia tecnolóxica e a transmisión de coñecemento á sociedade forman os tres piares sobre os que se fundamenta o centro de investigación. É recoñecido pola atracción de talento, a visibilidade da muller científica e a promoción da igualdade de xénero, contando cunha presenza feminina superior ao 50%.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC