A Coruña, 27 de xuño de 2023.- A Sala de Prensa da Reitoría da Universidade da Coruña acolleu esta mañá a presentación do segundo volume do Anuario de Estudos, Marítimos, do Instituto Universitario de Estudos Marítimos. Á presentación asistiu o reitor, Julio Abalde, xunto cos profesores da UDC Fernando González Laxe e María José Rodríguez Docampo, codirectores da publicación e que ostentan os cargos de director e secretaria do Instituto.
O Anuario recolle un conxunto de estudos agrupados arredor do Dereito, a Economía e a Náutica que aportan unha visión actual, en tanto ao uso de novas tecnoloxías, políticas medioambientais, sustentabilidade e impacto económico do sector marítimo. Conta coa autoría de académicos e profesionais da UDC, ademais doutros autores de ámbito nacional e internacional.
No acto de presentación, o reitor, Julio Abalde, destacou a importancia de que “na universidade teñan presenza institutos coma este, que contribúan á internacionalización da transferencia dos nosos resultados da investigación”. Abalde lembrou que “coa pandemia démonos conta da importancia do mar coa paralización do transporte marítimo, que paralizou ao mundo enteiro”. Sinalou tamén que “a UDC está totalmente aliñada con esta economía azul, que xunto coa economía verde, supoñen o futuro económico do país”.
González Laxe explicou a referencia que supón o Instituto Universitario de Estudos Marítimos en España. “É un instituto coñecido e referenciado, un lugar de investigación, asesoramento e divulgación cuxos estudos teñen gran relevancia”, subliñou, poñendo como referente en España o instituto e o Anuario de Estudos Marítimos ,e adiantou que xa se prepara a publicación do terceiro volume para o próximo ano.
Parte do éxito da gran valoración da publicación é o seu consello asesor, formado por persoas expertas de 20 universidades nacionais e internacionais. O Anuario, como o Instituto, conta cun equipo multidisciplinar que aglutina un amplo abanico de especialistas en dereito, socioloxía, economía, enxeñaría, ciencias, mariña civil e enxeñaría naval, traballando de xeito colaborativo.
Laxe apuntou a importancia da economía e do crecemento azul como un paso máis das políticas de desenvolvemento sustentable, que pretende “buscar eses principios e engadir a xestión do desenvolvemento oceánico para incidir nos aspectos ambientais, incrementando o grao de concienciación marítima”. Segundo Laxe, ese crecemento azul inclúe múltiples disciplinas: a enerxía, a acuicultura, o turismo, a extracción de minerais, a biotecnoloxía azul, o transporte e comercio marítimo, a xestión dos portos, os produtos e recursos costeiros, a protección pesqueira e a construción naval. Disciplinas que deben ser “soporte e panca de desenvolvemento”.
Boa proba da magnitude do sector marítimo é que, no contexto europeo, supón 4,6 millóns de empregos, cuxos salarios medios superan á media europea, e conta cun valor engadido de 176.000 millóns de Euros. En España, o sector aglutina un 5% dos empregos e o 4% o PIB.
Rodríguez Docampo destacou “o carácter internacional e pluridisciplinar deste volume, en tanto que conta con expertos académicos, nacionais e internacionais, dos ámbitos do dereito, a economía e a náutica, amosando a interdependencia e a interconexión das diversas actividades relacionadas co mar”.
No campo do dereito, o anuario conta con estudos sobre novas tecnoloxías, como o proceso de dixitalización na documentación marítima; analiza a influencia na náutica deportiva da reforma normativa sobre mariña mercante, navegación marítima e réxime de Portos do Estado; e conta cunha análise do marco xurídico da denominada “economía azul”.
Dentro do ámbito da náutica deportiva, un dos estudos aborda en que medida a normativa vixente protexe aos tripulantes de buques, tendo en conta o estrés e a fatiga laboral. Tamén se recolle unha análise do relevante papel dos VDR ou Rexistrador de Datos da Travesía, (as Caixas negras dos barcos) para rexistrar as súas manobras e facilitar a investigación de posibles accidentes que poidan xurdir.
Xa no ámbito da economía, o anuario conta con estudos sobre as actividades portuarias e a súa importancia para o comercio internacional, a eficiencia financeira dos portos e os principais focos de contaminación atmosférica e medidas para intentar minimizala, desde a visión dos diferentes stakeholders.
O volume aporta así unha visión actual, en tanto ao uso de novas tecnoloxías, políticas medioambientais, sustentabilidade e impacto económico nos últimos anos.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC