Marcos Ortega, profesor da Facultade de Informática da Universidade da Coruña, recibe o Premio Nacional de Informática y Salud

Nota de prensa

20/01/23 11:36

  • Institucional

A Coruña, 20 de xaneiro de 2023.- O profesor da Facultade de Informática da Universidade da Coruña Marcos Ortega Hortas recibiu onte en Madrid, o Premio Nacional de Informática y Salud da Sociedad Española de Informática de la Salud (SEIS), na sección de Esforzo institucional ou persoal de investigación ou innovación en proxectos para a utilización das TIC na saúde ou na internacionalización da actividade informática da saúde desenvolvida en España.

A SEIS recoñeceu con este premio a investigación de Ortega Hortas no campo da Intelixencia Artificial en medicina aplicado ao procesado de imaxe para o apoio ao diagnóstico, a detección temperá de enfermidades ou o estudo da evolución das mesmas en función do tratamento.

O profesor Ortega recolleu o premio ex aequo coa Agencia Española de Medicamentos y Productos Sanitarios.

Marcos Ortega Hortas, Doutor en Informática, é Profesor Titular na Universidade da Coruña, impartindo docencia maioritariamente na Facultade de Informática. Investigador adscrito ao Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), é membro tamén do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC) co rango de Investigador Principal. Coordina o grupo de investigación de Visión Artificial e Recoñecemento de Patróns (VARPA). As súas investigacións céntranse na visión dinámica, procesado de imaxe médica e informática médica.

 

Foto 1: Marcos Ortega co presidente da Sociedad Española de Informática de la Salud, Luciano Sáez, e a secretaria de estado de Sanidad, Silvia Calzón.

Marcos_Ortega_premio_2

Foto 2: Desde a esquerda, Pablo Guillemette (UDC/INIBIC); Jorge Novo (UDC/INIBIC); Marcos Ortega, coordinador do grupo Varpa UDC/INIBIC; Salvador Naya, vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da UDC, e Guillermo Vazquez (CHUAC/INIBIC).

 

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC