Julio Abalde recibe aos participantes do Encontro Internacional de Reitores no Camiño de Santiago procedentes de 25 universidades de todo o mundo

Nota de prensa
10/10/19 18:10
  • Institucional

A Coruña, 10 de outubro de 2019.- O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, recibiu esta tarde na Reitoría aos participantes no Encontro Internacional de Reitores no Camiño de Santiago ao que asisten máis de trinta representantes de 25 universidades de España, México, Brasil, Italia, Alemaña, Polonia, Portugal e República Checa.

Este encontro ten como obxectivo que os reitores destas universidades, agrupadas nunha asociación denominada Grupo Compostela, dialoguen e debatan sobre a implementación dos obxectivos de desenvolvemento sustentable na educación superior e a iniciativa de universidade europea auspicida pola Comisión Europea. O programa aúna actividades académicas, con destacados relatores expertos e actividades experienciais e de concordia.

Os reitores comezaron onte o encontro en Santiago de Compostela e estarán en Galicia ata este venres. Julio Abalde deulles á benvida á Universidade da Coruña e explicoulles as características desta universidade moderna e nova. Nunha visita pola sede da Reitoría, os reitores puideron intercambiar impresións sobre a actualidade universitaria e os modelos de xestión académica, antes de facer unha visita á cidade herculina.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC