No Parque do Pasatempo en Betanzos, ideado polos irmáns Naveira, foron reproducidas moitas formas históricas e culturais que definen un imaxinario cosmopolita.
O Parque dispón un contexto de contemplación de múltiples esculturas e construcións que se poden encadrar na idea da viaxe iniciática europea por antonomasia, o Grand Tour tan común entre os séculas XVII e XIX. Pero ao mesmo tempo o lugar funciona como entrada mistagóxica a unha viaxe interior na que a forma cultural se comporta como guía da alma. Na entrada do Parque dous leóns gardaban a porta, dous leóns que os Naveira copiaron dos orixinais na basílica de San Pedro (Roma), feítos en mármore de Carrara por Antonio Canova (1757-1822) para o sepulcro do papa Clemente XIII (1759-1769). Un representa as virtudes da fe. O outro, a vida eterna. Os leóns son os gardiáns do acceso a algo que está máis alá e preparan a mente para o recoñecemento das formas por viren, á maneira das formas platónicas. Hic sunt leones, dicían os romanos, «Aquí están os leóns», os que gardan do secreto acontecemento. Despois de ter decaído o Pasatempo, xa nos anos 70, os leóns foron mercados e levados para Asturias, onde vixían na actualidade a entrada do santuario de Covadonga.
Pablo Barreiro establece un diálogo coa copia dos leóns que viaxou desde Roma a Betanzos e de Betanzos a Covadonga, buscando a aproximación á Urbild, figura arquetípica, que consolida a idea dun mundo, o europeo. No seu traballo de acción e reflexión sobre a copia, realizando copia da copia, reproduce con tento visionario partes dos leóns como signos dun prototipo arredor do cal a historia da arte comezou a gravitar, tal e como sinala Ernst Gombrich, definindo o sentido canónico da beleza. Nas escalas de arte a reprodución dos prototipos era condición necesaria para aprender o bo gusto e adquirir a mestría da tékhne, a técnica.
Pablo, con acertado refinamento deconstrutivo, reflexiona sobre o proceso técnico da reprodución buscando a sinatura que, como rastro arqueolóxico, fica dese arquetipo esgazado, roto, ruinoso e do que só nos queda o resto, o anaco, o fragmento. A connotación da forma non busca no seu traballo a consolidación dunha opus senón a representación do proceso como desvelamento do sentido que a regra estética creou como criterio iniciático para a comprensión do mundo. O autor propón coas pezas e orquestración conxunta desta exposición unha contra-iniciación, a da inoperosita (inoperosidade) da que tala o filósofo italiano Giorgio Agamben, con relación ao obxecto estético. A inoperosidade de Pablo desabra a obra consolidada para abrila a novas usos que non só son estéticos senón tamén políticos, que provocan pensamento, desactivando a acción cultural canónica, mostrando o baleiro fundante de Occidente e agasallándonos cunha acquiescentia in se ipso spinoziana, «unha alegría que nace do feito de que o ser humano se contempla a si mesmo e a súa potencia de actuar», alegría contemplativa que este traballo en proceso aquí exposto nos presenta como posibilidade de des-habitar o arquetipo estético occidental para facelo habitable en maneiras que a historia da arte aínda non pensou.
(Texto: Roberto Abuín, filósofo)
Publicado por: Cultura