Expectación internacional ante a rotura da viga máis grande de Europa ensaiada nun laboratorio que se romperá mañá no CITEEC da UDC

Nota de prensa
28/01/20 12:26
  • Institucional

 

  • O Laboratorio de Construción do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil, CITEEC, acolle mañá a rotura controlada dunha viga de 12 metros de lonxitude, 2 metros de canto e 24 centímetros de espesor, cun peso de 14 toneladas.
  • O Grupo de Construción da UDC (gCONS) lanzou un concurso científico internacional para a predición do resultado.
  • O ensaio forma parte dun proxecto de investigación coordinado pola U. Politècnica de Catalunya coa participación da UDC, a U. Politécnica de Valencia e a U. de les Illes Balears.

A Coruña, 28 de xaneiro de 2020.- Mañá, mércores 29 de xaneiro ás 16:00 horas terá lugar no Laboratorio de Construción do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil da UDC, o ensaio de rotura dunha viga de formigón armado de 12 metros de lonxitude, 2 metros de canto e 24 centímetros de espesor, cun peso de 14 toneladas.

O ensaio forma parte do proxecto HORVITAL, financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, e no que participan a Universidade da Coruña, a Universidad Politécnica de Valencia (UPV), a Universitat de les Illes Balears (UIB) e a Universitat Politècnica de Catalunya (UPC), coordinado por esta última, destinado a investigar diferentes aspectos das estruturas de formigón para a extensión da súa vida útil. O subproxecto SP4, desenvolvido polo equipo da UDC que coordina o profesor da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos, Fernando Martínez Abella, ten como misión específica analizar o fenómeno denominado “efecto tamaño”. Para isto, foi necesario fabricar e ensaiar, antes da prevista para mañá, unha serie de vigas de gran tamaño, de entre 6 e 12 metros de lonxitude e de entre 1 e 2 metros de canto.

Algúns dos ensaios plantexados no proxecto son singularidades internacionais:

  • A viga de 12 metros sen armadura transversal (barras verticais internas de aceiro) é a viga sen armadura transversal máis grande do mundo ensaiada a cortante nun laboratorio. Este ensaio xa se fixo na UDC.
  • A viga de 12 metros con armadura transversal, que se romperá en público mañá mércores 29 de xaneiro, é a viga con armadura transversal máis grande ensaiada a cortante nun laboratorio europeo.
  • Algunhas das vigas de todas as series se repararán posteriormente exteriormente con Polímeros Reforzados con Fibra de Carbono e volverán a ensaiarse máis adiante. Outras se reforzarán exteriormente con Aleacións con Memoria de Forma. En ambos os dous casos, serán as vigas reforzadas máis grandes do mundo ensaiadas nun laboratorio.

A predición da resistencia a cortante é un dos temas abertos a debate máis importantes no ámbito do formigón estrutural. Algúns dos grupos de investigación máis prestixiosos do mundo investigan neste tema. Posto que os ensaios de HORVITAL son singulares, o equipo de investigación gCONS da Universidade da Coruña lanzou un reto científico internacional: todos os especialistas do mundo que o desexen poden enviar as súas predicións. Ata o momento interesáronse polo proxecto especialistas do resto de España e de Corea, Alemaña, Estados Unidos, Brasil ou Croacia.

Os detalles para a predición están na seguinte web:

http://www.gcons.udc.es/contest-horvital/

Máis detalles sobre o proxecto:

http://www.gcons.udc.es/investigacion/proyecto-horvital-sp4/

 

FOTO 1: Os investigadores e técnicos do CITEEC preparan o ensaio sobre unha viga de 9 m de lonxitude e 1,5 m de canto (proxecto HORVITAL).

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC