A Coruña, 19 de xuño de 2024.- A Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña acolleu esta mañá a entrega dos galardóns da VII Edición dos Premios Isabel Zendal, o concurso que ten como obxectivo fomentar a práctica do escepticismo, entendido como o pensamento crítico e racional, unha ferramenta indispensable para a comprensión do mundo e a toma de decisións na vida diaria, especialmente entre a xuventude.
Os premios, organizados pola UDC en colaboración con Círculo Escéptico, e coa Fundación Española para la Ciencia y Tecnología (FECYT) do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades; estableceron dúas categorías: A, dirixida ao alumnado de 1º a 3º da ESO e FP básica, e a B para o alumnado de 4º de ESO a 2º de bacharelato e dos ciclos formativos de grao medio.
No primeiro apartado (A) os galardóns recaeron en: Luana Miguéns Mato, do IES Plurilingüe de Valga (Pontevedra), co terceiro premio; Manuela Calviño Sobrino, do IES Illa de Tambo de Marín (Pontevedra), que se alzou co segundo premio, e o primeiro recaeu tamén no IES de Valga, para o traballo presentado por Vera Touriño Bello.
No segundo apartado (B), o primeiro galardón foi para Iván Gándara, do Colexio Eirís (A Coruña); o segundo para Pedro Torres Sandoval, do IESP Eusebio da Guarda da Coruña, mentres que o terceiro foi para Sofía Carou Barreiro do IES Rafael Dieste da Coruña.
Para cada unha das categorías establecéronse 3 premios de 300, 200 e 100€, unha colección de libros do catálogo do Servizo de Publicacións da Universidade da Coruña e un diploma acreditativo. Ademais, os traballos premiados serán incluídos nunha publicación da UDC.
No acto de entrega o reitor destacou que a entrega destes premios supón “a celebración do espírito crítico, da curiosidade e da valentía intelectual”. Por iso, engadiu, desde a Universidade da Coruña, “reafirmamos o noso compromiso coa divulgación científica e coa formación dunha mocidade capaz de cuestionar, investigar e transformar o mundo que a rodea. Os traballos premiados hoxe son unha mostra brillante desa capacidade”, apostilou.
O acto, ademais da entrega de premios, contou coa conferencia “Realidades de formigón, imaxinarios de papel: mitos na construción”, a cargo da investigadora e divulgadora Gemma Rojo, doutora en enxeñería civil adscrita ao Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil (CITEEC) da UDC.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC