Dúas iniciativas da UDC, premiadas no IPfest pola súa transferencia de coñecemento

Nota de prensa

21/11/25 11:48

  • Institucional
  •  O proxecto Talentos Inclusivos do CITIC recibiu onte en Vigo o galardón ‘conCIENCIA’ en recoñecemento á súa contribución significativa ao progreso social a través da innovación. 
  • PhotoILike, spin-off da UDC especializada na análise de imaxes inmobiliarias con intelixencia artificial, recibiu o premio ScaleUp de Transferencia.

A Coruña, 21 de novembro de 2025.- O programa Talentos Inclusivos da Universidade da Coruña recibiu o premio autonómico de Transferencia de Coñecemento IPfest na categoría “conCIENCIA”, que recoñece as iniciativas con maior impacto social en España. Os premios entregáronse este xoves 20 de novembro no Auditorio Mar de Vigo, coa participación de representantes do programa e da Oficina de Transferencia de Coñecemento da UDC.

“Este recoñecemento súmase a unha lista cada vez máis ampla de distincións que avalan o enfoque do programa. Para o CITIC, Talentos Inclusivos representa unha maneira de facer ciencia con propósito, conectando a investigación coa sociedade e xerando solucións reais para quen máis as necesitan. Este premio reforza a nosa aposta por unha innovación responsable, colaborativa e inclusiva”, sinalaron os responsables de Talentos Inclusivos.

A categoría conCIENCIA destaca proxectos que contribúen de maneira significativa ao progreso social mediante a innovación, a divulgación e a transferencia de coñecemento. O premio recibido por Talentos Inclusivos subliña o seu compromiso coa inclusión, a creación de oportunidades e a xeración de impacto real na comunidade.

Na mesma cerimonia, a spin-off da UDC PhotoILike, startup especializada na análise do atractivo visual de imaxes inmobiliarias a través de intelixencia artificial, recibiu o galardón ScaleUp de Transferencia, que recoñece a capacidade de escalabilidade e a innovación tecnolóxica con impacto económico.

A cuarta edición dos Premios IPfest celebrouse de maneira simultánea en 17 cidades españolas, todas conectadas entre si en liña e retransmitidas en web, móbil e televisión. Este enfoque coordinado reforza o carácter colaborativo do certame e a súa visión de compartir coñecemento en rede.

 

Sobre Talentos Inclusivos

Talentos Inclusivos é un proxecto impulsado polo CITIC que se desenvolve ao longo do curso escolar e conta co apoio da FECYT (Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía). O seu obxectivo é espertar vocacións STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) entre a mocidade e dar a coñecer a realidade da discapacidade mediante equipos colaborativos de traballo que resolvan retos tecnolóxicos formulados por persoas con parálise cerebral.

A través deste proxecto, alumnado de secundaria e bacharelato de diversos institutos de Galicia deberá buscar solucións tecnolóxicas a retos propostos por usuarios das entidades ASPACE Coruña, Amencer-ASPACE, APAMP e Cruz Vermella A Coruña.

Para máis información, pódese visitar a web do proxecto: https://talentosinclusivos.citic.udc.es.

 

Sobre o CITIC

O CITIC é un centro de investigación que impulsa o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase en catro áreas principais de investigación: Intelixencia Artificial, Ciencia e Enxeñaría de Datos, Computación de Altas Prestacións e Servizos e Redes Intelixentes, ademais dunha área transversal: Ciberseguridade.

O CITIC está acreditado como Centro de Excelencia e membro da Rede CIGUS para o período 2024-2027. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e nun 60% pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2021-2027, co obxectivo temático de promover “unha Europa máis intelixente: transformación económica innovadora e intelixente”.

 

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC