Dous equipos da Universidade da Coruña, entre os gañadores do concurso de programación universitaria AdaByron Galicia 2024

Nota de prensa

15/04/24 14:20

  • Institucional
  • Os equipos gañadores en cada unha das tres categorías (dous da UDC e un da USC), representarán a Galicia no certame nacional, que terá lugar en Madrid no mes de xullo.

 

A Coruña, 15 de abril de 2024.- A Facultade de Informática da Universidade da Coruña (UDC), a Escola Técnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago (USC), e a Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo (UVigo), situada no Campus de Ourense, acolleron o pasado venres a terceira edición do certame de programación universitaria AdaByron Galicia 2024.

O evento contou coa participación de 24 equipos, nun total de 3 categorías, que competiron durante catro horas resolvendo 11 problemas de diversa dificultade. Os equipos gañadores de cada categoría foron:

-Categoría A (equipos de alumnado de 1º curso): Equipo da Universidade da Coruña, formado por Hugo Herrador Segade, Lucía Hevia González e Iago Rivas Moar.

-Categoría B (equipos de alumnado de 2º curso): Equipo da Universidade da Coruña formado por Ana Barrera Novas, Javier Carballal Morgade e Paula Taibo Suárez.

-Categoría C (equipos de alumnado de cursos superiores): Equipo da Universidade de Santiago de Compostela formado por Xiana Carrera Alonso, Pablo Díaz Viñambres e Pablo Landrove Pérez-Gorgoroso, que foi o equipo que conseguiu resolver maior número de problemas (9 de 11).

Os responsables do concurso AdaByron Galicia 2024, a vicepresidenta do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Susana Ladra; e o profesor da UDC, Diego Seco; destacaron o alto nivel dos equipos participantes e, en especial, dos equipos gañadores, que contaron cunha equilibrada participación de rapazas e rapaces.

            Estes equipos representarán a Galicia no concurso nacional, que terá lugar no mes de xullo na Facultade de Informática da Universidade Complutense de Madrid.

O certame, organizado polo CPEIG, o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña e as tres universidades galegas, contou coa colaboración de Apser, AWS, Clúster TIC Galicia, Denodo, Dinahosting, DXC Technology, PuntoGAL,  GDI, Mindata, Minsailt, NTTData, Oracle, Sixtema e Veritas.

 

Foto 1: Equipo gañador da categoría A da UDC, Hugo Herrador Segade, Lucía Hevia González e Iago Rivas Moar.

Foto 2: Equipo gañador da categoría B da UDC, Ana Barrera Novas, Javier Carballal Morgade e Paula Taibo Suárez.

Equipo gañador da categoria B da UDC, Ana Barrera Novas, Javier Carballal Morgade e Paula Taibo Suarez

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC