A Coruña, 18 de marzo de 2025.- A sociedade xestora da Cidade das TIC quedou oficialmente constituída esta mañá, tras a sinatura ante notario do documento de constitución por parte do reitor da Universidade da Coruña (UDC), Ricardo Cao; e a alcaldesa da Coruña, Inés Rey.
Este acto formaliza a posta en marcha da entidade encargada de xestionar este proxecto estratéxico, tras a aprobación, o pasado mes de novembro, por parte de ambas as institucións dos novos estatutos que rexerán o funcionamento da sociedade.
Ditos estatutos introduciron cambios clave para reforzar o liderado da Universidade da Coruña na Cidade das TIC. Entre as principais modificacións destaca a inclusión dun sistema de gobernanza que outorga á UDC voto de calidade en todas as decisións relacionadas coa docencia, a investigación e a transferencia de coñecemento.
Tras a sinatura, o reitor da UDC, Ricardo Cao, subliñou a importancia deste “novo fito para a Cidade das TIC, un proxecto clave no desenvolvemento da dixitalización e de impulso de todo o ecosistema TIC para a cidade e para toda Galicia”.
Pola súa banda, a alcaldesa destacou a importancia da Cidade das TIC á hora de potenciar o tecido académico e científico da UDC, facilitando a creación de sinerxías e abrindo camiño á colaboración empresarial e inserción laboral, “co impacto positivo que isto terá en termos sociais e económicos para a cidadanía”.
Estrutura da sociedade xestora
A sociedade xestora divídese en tres órganos fundamentais: a Xunta Xeral, o Consello de Administración e a Dirección.
Tras a sinatura, nun breve prazo constituirase o Consello de Administración, unha vez que hoxe se designaron os seus membros. Está integrado inicialmente por sete persoas (4 por parte do Concello e tres por parte da Universidade), con opción de ampliarse ata un máximo de doce. O primeiro presidente deste órgano será o reitor da UDC, que desempeñará o cargo durante todo o exercicio do ano 2025; e, a partir de 2026, a presidencia recaerá na persoa titular da Alcaldía do Concello da Coruña. Os cargos serán non retribuídos e a sociedade non realizará pagamentos por ningún concepto ás persoas que os ostenten.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC