As universidades da Coruña e Vigo e a empresa Aldaba crean a Cátedra Aldaba WIB: Women, ICT & Business

Nota de prensa
2/10/19 14:21
  • Institucional

A Coruña, 2 de outubro de 2019.- O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e o director da empresa Aldaba Servicios Profesionales, Enrique Fernández Pérez, asinaron esta mañá na Reitoría da Maestranza o convenio polo que se crea a Cátedra interuniversitaria Aldaba WIB: Women, ICT & Business.

A Cátedra ten como finalidade facilitar a incorporación ao mundo laboral dos estudantes da Facultade de Informática da UDC e da Escola Superior de Enxeñaría Informática da Uvigo, así como visibilizar a participación das mulleres no mundo das TIC para agudizar o interese das rapazas polas carreiras STEM.

Tanto Abalde como Reigosa destacaron o carácter exemplar desta Cátedra interuniversitaria, a segunda existente entre ambas as dúas entidades, xa que “a colaboración entre os distintos campus está chamada a ser un activo de futuro”, destacou Abalde ao que Reigosa corroborou que “a colaboración dá mellores froitos que a competición”. Tamén destacaron ambos os dous reitores a importancia da relación público e privada que se establece con esta empresa recén premiada polo Consello Social da UDC cun galardón que destaca o seu espírito innovador.

O director de Aldaba explicou que, entre outros obxectivos, esta Cátedra ten como finalidade incentivar as vocacións tecnolóxicas femininas para o que teñen previsto xa unha serie de actividades en colexios e institutos. Neste punto, o reitor da UDC apuntou o dato de matrícula de mulleres en Informática que está no 12%, na liña doutras universidades españolas e do resto de Europa e “cunha tendencia á baixa”. É un “reto”, sinalou o reitor da UVIgo engadindo que “como sociedade estamos a perder moito talento”.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC