Ferrol, 29 de marzo de 2025.- Máis de 700 mozos e mozas de entre 10 e 16 anos participaron este sábado na GRAN FINAL NACIONAL da FIRST LEGO League que tivo lugar no Campus Industrial de Ferrol. As presentacións dos Proxectos de Innovación realizáronse na Facultade de Humanidades e Documentación e na Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI)mentres que o Xogo do Robot se disputou no Pavillón de Esteiro.Pola súa banda, o Auditorio Municipal de Ferrol acolleu o acto de entrega de premios, xa en horario de tarde, ao que asistiron participantes, autoridades e familias.
Logo dunha intensa mañá de presentacións, probas e de moitos nervios, o equipo Aldeatron Robotix de Tenerife acadou o Primeiro Premio Ingeniera Soy al Ganador. Pola súa banda, o equipo FSIngenium Team de Navarra, logou o Segundo Premio Universidade da Coruña ao Gañador. E o equipo Legotronic Beavers de Navarra o Terceiro Premio Ingeniera Soy ao Gañador. Deste xeito, estes tres equipos conseguen clasificarse para participar no WORLD FESTIVAL FIRST Lego League que terá lugar, do 16 ao 19 de abril, no The George Brown Convention Center de Houston (Texas).
Un dos equipos que representaba a Galicia, Captioma Elementals, da Academia Captioma Galicia de Ourense, acadou o Terceiro Premio ao Proxecto de Innovación e participarán no OPEN FIRST LEGO League que terá lugar en Sídney entre os meses de maio e xullo.
A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, o director do Campus Industrial da Universidade da Coruña (UDC), Marcos Míguez, e o presidente da Asociación IngenieriaSoy, Javier Butragueño, foron os encargados de entregarlles os trofeos e diplomas aos tres equipos gañadores. Con todo, no acto de entrega de galardóns tamén participaron o alcalde co Concello de Ferrol, José Manuel Rey Varela; o almirante xefe do Arsenal Militar de Ferrol, Gonzalo Villar; a delegada territorial da Xunta de Galicia en Ferrol; Martina Aneiros; o director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Coruña; Juan José Couce; a concelleira de Educación, Universidade e Política Lingüística, Patricia Cons ou a deputada provincial da Deputación da Coruña, Rosa Ana García, entre outras autoridades.
A GRAN FINAL NACIONAL da FIRST LEGO League, organizada pola Universidade da Coruña (UDC) e a Asociación Ingeniera Soy, foi patrocinada polo Concello de Ferrol, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia.
Foto 1: o Aldeatron Robotix de Tenerife recibiu o Primeiro Premio Ingeniera Soy al Ganador de mans da vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares
Foto 2: o equipo FSIngenium Team de Navarra recibiu o Segundo Premio Universidade da Coruña ao Gañador de mans do director do Campus Industrial da Universidade da Coruña, Marcos Míguez
Foto 3: o equipo Legotronic Beavers de Navarra recibiu o Terceiro Premio Ingeniera Soy ao Gañador de mans do presidente da Asociación Ingeniera Soy, Javier Butragueño
Foto 4: Captioma Elementals, da Academia Captioma Galicia de Ourense, acadou o Terceiro Premio ao Proxecto de Innovación e participarán no OPEN FIRST LEGO League que terá lugar en Sídney entre os meses de maio e xullo
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC