A visita ao CITIC clausurará este venres o ciclo do Campus Innova "Coñece os Centros de Investigación da UDC"

Nota de prensa

18/07/19 11:43

  • Institucional

A Coruña, 18 de xullo de 2019.- Mañá venres, 19 de xullo, o ciclo de visitas “Xullo 2019: Coñece os Centros de Investigación da UDC" que organiza o Campus Innova chegará a súa fin coa visita ao Centro de Investigación de Tecnoloxías da Información e da Comunicación, CITIC.

A visita comezará ás 10:00 horas cunha presentación do subdirector do CITIC na que expoñerá as capacidades do centro en intelixencia artificial, computación de altas prestacións, enxeñaría e ciencia de datos e redes e servizos intelixentes. A continuación, mostraranse os laboratorios de traballo dos investigadores e o edificio  CITIC 2 no que están aloxadas as empresas coas que se colabora e coas que se desenvolven proxectos conxuntos. Por último, visitarase o Centro de Proceso de Datos, onde o responsable de Sistemas do CITIC explicará o seu funcionamento.

Esta iniciativa, organizada para dar a coñecer os centros de investigación da UDC no campus de Elviña, comezou o pasado 11 de xullo, coa visita ao Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil (CITEEC), e continuou o día 16 de xullo no Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA).

 

Sobre o  CITIC

O  CITIC é un Centro de Investigación Singular que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicado ás TIC. Impulsado pola Universidade da Coruña, é un punto de encontro entre a Universidade e a empresa no que conflúen departamentos de I+D de empresas do sector TIC con investigadores procedentes do ámbito universitario. No ano 2016, o CITIC recibiu o distintivo de Centro Singular de Investigación de Galicia 2016-2019, sendo o único centro TIC de Galicia recoñecido con este distintivo, cofinanciado pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

 

Foto: imaxe da visita ao CICA do pasado 16 de xullo.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC