A proxeción do documental “Esquece Monelos” na Escola de Camiños dá comezo á presentación dun traballo de investigación sobre este río

Nota de prensa

24/04/19 14:34

  • Institucional

A Coruña, 24 de abril de 2019.- A Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña acollerá mañá xoves, 25 de abril, ás 12:45 horas, a proxección do documental “Esquece Monelos”, de Ángeles Huerta. Esta película conta o proceso de desaparición do río Monelos na cidade da Coruña, relacionándoo coa perda de memoria do lugar e das persoas que o habitaron no pasado.

A proxeción do documental forma parte da presentación do proxecto “Monelos River Revival” (MonRiveR) dentro dun traballo de investigación da UDC, financiado pola Fundación Alcoa, que ten como obxectivo caracterizar o río Monelos e definir unha metodoloxía para desenvolver actuacións encamiñadas a mellorar a historia do río, o seu papel como fonte de riqueza e lugar de ocio para a cidadanía e, en definitiva, busca implicar e concienciar á sociedade da importante relación entre a súa existencia e a identidade dunha comunidade.

Organizado por cartoLAB e co apoio da Agrupación Estratéxica do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC), esta actividade continuará nunha nova sesión o día 2 de maio, onde se explicará a definición do proxecto e habera unha mesa-coloquio na que se desenvolverá como tema principal a restauración de ríos en contornos urbanos, explicaranse as últimas obras de canalización do río Monelos e debatirase sobre o papel dos enxeñeiros nestas transformacións.

A asistencia ás dúas sesións é libre e gratuíta.

 

 

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC