A Universidade da Coruña únese á celebración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

Nota de prensa
10/02/21 12:36
  • Institucional

A Coruña, 10 de febreiro de 2021.- A Universidade da Coruña únese un ano máis á celebración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia que se celebra este xoves 11 de febreiro. Moitas das súas científicas están a participar nestes días en diversas iniciativas organizadas pola propia universidade coruñesa, así como actividades promovidas por outras institucións e entidades, todas elas cun mesmo obxectivo: lembrar que as mulleres e as nenas desempeñan un papel fundamental nas comunidades de ciencia e tecnoloxía e que a súa participación debe fortalecerse.

Este ano a crise sanitaria obriga a reinventarse polo que as charlas e talleres en liña, así como os vídeos e novos formatos divulgativos cobraron especial importancia.

Así, desde a Unidade de Divulgación Científica da UDC prepararon para este ano dúas pezas audiovisuais dirixidas a escolares de educación primaria e secundaria nas que investigadoras coruñesas contan dunha maneira sinxela e próxima a súa traxectoria científica e vital e os seus logros profesionais e relatan anécdotas co obxecto de incentivar a curiosidade pola profesión investigadora e científica. A iniciativa “Atrévete a pescudar con elas!” busca que os centros visualicen estes vídeos e os alumnos e alumnas participen enviando as súas preguntas ás científicas ata o 19 de marzo. Entre todas as aulas participantes sortearase unha visita a un dos centros de investigación do parque tecnolóxico da UDC. Os vídeos poden verse tamén na canle de Youtube da universidade: https://www.youtube.com/watch?v=Hmxotkshn_0&feature=youtu.be

Por outra banda, desde o Campus Innova puxeron en marcha unha campaña nas súas redes sociais na que a través de vídeos curtos presentan a algunhas das súas científicas. A través deles, cada unha das protagonistas conta a que se dedica, como é o seu día a día, que é o que máis lle gusta do seu traballo ou que lles levou a converterse en mulleres científicas (https://twitter.com/innova_udc/status/1359085850387177475)

Tamén o Instituto Universitario de Estudos Marítimos uniuse a esta conmemoración e o vindeiro venres 12 de febreiro ás 17:00 horas celebrará o debate aberto “A Ciencia navega pola igualdade” no marco da Edición Especial da VI Travesía Navega o Camiño 2021, que organiza cada ano a Asociación Norhmarinos e que este ano ten como obxectivo visibilizar a contribución da muller ao desenvolvemento da Economía Azul. Durante o mesmo, seis mulleres, da talla da pioneira en investigación na Antártida Carmen Piñeiro, provenientes do sector da náutica, a ciencia e o deporte intercambiarán opinións sobre a actualidade do sector e a situación da muller neste campo. O encontro poderá seguirse na seguinte ligazón: https://us02web.zoom.us/j/85469008328

Así mesmo, numerosas científicas da Universidade de Coruña están a participar ao longo desta semana en diversas iniciativas que están a dar a coñecer a ciencia da man de mulleres. É o caso do ciclo da ciencia é feminino “Recoñéceas” no que unha decena de investigadoras da UDC protagonizaron diversos talleres en liña dirixidos a centros educativos de toda Galicia, ou a iniciativa da Asociación Española de Investigación sobre el Cáncer (ASEICA) “Coñéceas” que a través de 100 conexións en liña con coles de toda España, visibilizou ás mulleres “tras a bata” dando a coñecer a máis de 6.500 mozos, 1.111 galegos, ás investigadoras no campo da oncoloxía molecular.

Amparo Alonso, Vanesa Valdeiglesias, Angélica Figueroa, Branca Leffon, Susana Ladra, Verónica Bolón, Elena Arce, Socorro Castro, Aurora Grandal, Laura Castro, Mónica Folgueira, Carmen Labra, Mónica Molares, Esperanza Cerdán... son só algúns dos nomes e apelidos das científicas da UDC que participaron nestas iniciativas pero a universidade coruñesa e a ciencia conta con moitas máis referentes en feminino que cada día achegan o seu coñecemento en campos tan diversos como a bioloxía, a informática, a filoloxía, a psicoloxía, a  enxeñería ou a química, entre moitos outros, e que necesitan ser visibilizadas e recoñecidas.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC